CRÓNICAS DESDE AS TRINCHEIRAS DO RURAL V: IRIXOA, CHOVE SOBRE MOLLADO
“Moi ao contrario do que pretenden facernos crer, desta fonda crise non sairemos buscando salvadores “abnegados” desde posicións de poder; non, desta sairemos unicamente a través do traballo colectivo.”
“As sardiñas volverían se os gobernos quixesen” (Castelao, Album Nós)
Irixoa, chove sobre mollado: a dicir verdade, a crise non é unha descoñecida para nós. Baixos salarios, desemprego, emigración, falta de traballos cualificados, poboación avellentada (xa hai máis xubilados que rapazada), corrupción, nepotismo, as explotacións agro-gandeiras ao bordo do precipicio por culpa da industria internacional extractivista, os montes inzados de eucaliptos, servizos públicos inexistentes e / ou de baixa calidade… e agora esta pandemia.
Non gustou nas redes sociais nada o artigo do xornal La Voz de Galicia do pasado 7 de decembro, onde se daba conta da alta incidencia da COVID no noso concello. O titular foi unha especie de afronta para moita xente e non deixou indiferente a moitos. Ora ben, seguindo a liña editorial do diario de Sabón, non se escatimaron en gabanzas á xestión do alcalde. Lembroume a aquela canción chamada “Hay un hombre en España” do grupo Astrud e que forma parte do álbum “Todo nos parece una mierda” (2005), pois o alcalde personifica a xestión da pandemia en Irixoa. As críticas do citado medio brillaron pola súa ausencia. Sorpresa? Ningunha, desde logo.
11 anos de recortes nas políticas públicas deixaron moi reducida a capacidade das institucións para facer fronte a unha pandemia destas características e a pesares do esforzo inmenso das profesionais a cargo de atención ao público. 11 anos de menosprezo á máis elemental lóxica, pois que mellor nos tería ido de termos blindado o estado de benestar, en contra dos mantras neoliberais?
Somos a periferia da periferia neste mundo globalizado. Porén, o virus acabou por chegar a Irixoa, cunha economía xa a medio gas e cuns servizos públicos maltratados por aqueles que debían xestionalos para servir ao pobo. Sen escudo e, atados de pés e mans, carecemos agora dos medios necesarios para facer fronte non só a enfermidade, se non tamén ás penurias de tantas familias. Aquí só veñen buscar materias primas baratas e man de obra para exporta, ou sexa, persoas que teñen que emigrar. É culpa da Terra que produce pouco ou do destino?
Eu penso que tería solución se os poderes políticos que nos gobernan desde Madrid (e Compostela) quixesen. E non podemos acostumarnos a que, por un motivo ou polo outro, fiquemos sempre agardando por solucións que xa se implementan noutros lugares. Non podemos aceptar ser tratados como cidadáns de terceira división.
Insisto, moi ao contrario do que pretenden facernos crer, desta fonda crise non sairemos buscando salvadores “abnegados” desde posicións de poder; non, desta sairemos unicamente a través do traballo colectivo.
Relacionado
Etiquetas: artigos, colaboracións, Irixoa, opinión