Óscar Fernández estrénase no banco do Santo Domingo con derrota por 63 a 77 ante CB Tormes

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Partido disputado o domingo no Polideportivo do Carregal, no que supoñía o debut esta tempada de Óscar Fernández aos mandos do equipo. Con tan só 3 sesións o técnico local tentou dotar ao equipo do seu estilo, e neste encontro xa se viron os primeiros esbozos.

O encontro comezaba con moito ritmo anotador, o Santo Domingo por medio de Rozas e o rival por medio de Moore e Vukcevic atopaban con certa facilidade o aro rival. Pronto o conxunto local empezou a acusar os problemas defensivos en 1×1 e de balance permitindo que o seu rival correse obtendo canastras de alta porcentaxe. Deste xeito chegouse ao final do primeiro cuarto 17-29.

No segundo cuarto o rival mantería o ritmo anotador, con varios triplos, estirando o marcador aos poucos ante a feble defensa local. Con todo, o Santo DOmingo logrou reengancharse ao partido cando se puxo 20 abaixo grazas a un maior acerto ofensivo tamén desde a liña de 3 e os primeiros erros visitantes. Ao descanso, 35-50.

Na segunda metade o Santo Domingo púxolle máis corazón que cabeza e, aínda que nunca deu o partido por perdido, o certo é que cada parcial ao noso favor terminaba por ser contestado polo rival, que castigaba practicamente todos os erros defensivos en puntos. Unha mostra da situación foi o triplo sobre o final do terceiro cuarto á carreira, desequilibrado e cuns posibles pasos, que deixaba o marcador 16 abaixo.

O último cuarto volveu ser un querer e non poder, un Santo Domingo moi voluntarioso, que non lle perdeu a cara ao partido, atopábase con escasas vías de anotación a pesar de axustar moito mellor en defensa, polo que a diferenza, aínda que se puido enxugar lixeiramente, practicamente mantívose todo o cuarto.

En definitiva un partido que o Santo Domingo tentou competir e que, polo menos, non lle perdeu a cara ao partido ata o final. O próximo partido, nova viaxe a terras castelás, nesta ocasión Valladolid, fronte ao Universidade de Valladolid, equipo que se atopa igualado co betanceiro na táboa, cunha vitoria e tres derrotas.