O Santo Domingo Junior vence na final da copa

O equipo campión de Copa. Foto do clube

Por 48 a 60 os junior do Santo Domingo venceron no pazo dos deportes arteixán ao conxunto local, o Arteixo Duacode. O encontro enmarcouse na organización de Arteixo das dúas finais de copa onde se clasificaron, infantil feminino e junior masculino.

Esta coincidencia e a masiva afluencia de afeccionados e xogadores do clube arteixán derivaron nun espectacular aspecto da cancha, abarrotado e cun fenomenal ambiente como premio a unha gran organización.

Para o partido, por primeira vez, o Santo Domingo contaba con todos os seus efectivos recuperados, tras unha semana onde Nando, Pablo Sanjurjo e Pablo G. Casais arrastraron problemas físicos. Con todo, as finais son as finais e estiveron para o partido. Tamén os cadetes Miguel Latexes e Nacho Vidal, que nos axudaron todo o ano, estiveron co junior, este último tamén arrastrando problemas físicos.

Os locais, serios, rochosos atrás e sen dar ningún tipo de facilidade e sen cometer fallos en defensa, prometían ser un rival superlativo, como así foi. Asi as cousas e cun formidable ambiente nas bancadas, o partido comezou co guión que se presupoñía. Iago Abelenda polos locais comandaba as operacións, como fixera na ida, ben secundado por Simón e Enzo.

O equipo local buscaba facer dano no perímetro con stack para as saídas de Iago, que o santo defendía mal. Con todo, os nosos facían dano baixo ambos os taboleiros mercé ao poderío dos cadetes Nacho, Sanjurjo e Latas, que amarraban o rebote defensivo e facían dano en segundas opcións. Selene e Otero non querían que nada se escapase de control e sancionaron cun total de 27 faltas aos locais e 24 aos visitantes nun partido con moitísimo que pitar. b1 b2 b807-4162-4073- b723-e79 c2136e175

Así o Santo Domingo lograba impoñer os seus centímetros e finalizaba o cuarto con 8-15, un cuarto marcado polo escaso acerto exterior de ambos os conxuntos nunha tarde onde os aros non estaban polo labor de regalar nada.

O segundo cuarto marcou un cambio na estratexia de ataque de Arteixo, cambio que resultou un éxito. Abelenda xogaría situacións de 2×2 central castigando en reiteradas ocasións a defensa do Santo que vía como Lucas e Andrés, moi activos en defensa, encamiñaban o banco por problemas de faltas. A posible defensa a todo campo do Santo Domingo quedaba cernada e non facía acto de presenza, posto que os exteriores que substituían aos xa citados arrastraban problemas físicos e o banco visitante decidía seguir a medio campo. Coas rotacións dos betanceiros, o Santo Domingo cedía neste cuarto 20-16 e ao descanso chegábase 28-31 con todo por decidir.

No terceiro cuarto o equipo betanceiro faría valer a súa maior rotación e os locais acusaban a súa falta de efectivos. A defensa dos visitantes axustaba a situación de 2×2 central con axudas de Nacho Vidal moi longas e Arteixo marrou varios ataques consecutivos, facendo que os nosos abrisen un pequeno break de 6 puntos, que sumados aos 3 abrían unha pequena brecha no marcador que Fran pararía inmediatamente cun tempo morto.

Cambiaba Arteixo a defensa con bo criterio para evitar por unha banda as segundas opcións dos nosos e doutra banda buscando que os seus exteriores puidesen facernos dano en rápidas contras. Con todo, o Santo alterno tamén a partir de aí defensas e provocou que Arteixo non puidese achegarse no marcador.

Aínda así, ambos os equipos comparten unha mesma filosofía de entrega e traballo e ninguén se dió por vencido. Un triplo de Iago e unha canastra de Zeus desde os 5 metros mantiñan as esperanzas nos locais, pero xa non houbo tempo para máis.

O Santo Domingo soubo nadar e gardar a roupa e os segundos debulláronse con pouca indicencia no marcador, e a maior diferenza do partido produciuse na bucina final. 48-60 para os brigantinos nun gran partido a pesar da curta anotación, onde xogadores de idade cadete en ambos os bandos demostraron a súa madurez e baloncesto, por se alguén aínda tiña algunhas dúbidas.

Foi, en palabras do clube, “un fin marabilloso a unha tempada moi dura por todas as xa consabidas vicisitudes que o equipo tivo que atravesar, comezando polo seu corpo técnico, xogadores que debutaban na categoría (ata 7 en total) e problemas de lesións serias que apartaron a xogadores durante meses. Ben está o que ben acaba”.