O Santo Domingo cae por un punto ante o CB Costa Ártabra no Carregal

Un encontro do Santo Domingo no pavillón municipal. Arquivo

Por 65 a 66 o Santo Domingo caeu no Carregal ante o CB Costa Ártabra. O choque parecía encarreirado para o conxunto local, que dominou o encontro, pero un parcial final de 0-9 permitíalle remontar ao equipo visitante e facerse cun partido que tivo perdido en todo momento.

A primeira metade tivera unha clara cor local, co Santo Domingo impoñendo o seu ritmo, controlando a defensa e logrando unha vantaxe cómoda de once puntos a favor no intermedio. Marcos Rozas volvía ser o xogador sobre o que pivotaban case todos os ataques do Santo Domingo, e respondía de novo con acerto para tirar dos seus.

Tras o descanso, as porcentaxes de anotación baixaban para o Santo Domingo e Costa Ártabra empezaba a mostrar signos de poder meterse de cheo na pelexa pola vitoria. A pesar de todo, os locais parecían controlar esta reacción ferrolá e a falta de pouco máis de dous minutos establecían de novo unha renda de oito puntos que parecía case definitiva.

Mais os visitantes reaxiron, e a falta de nove segundos selaron a remontada cun triplo de Jorge Aller que lles colocaba por diante a falta dun último ataque que o conxunto local non puido aproveitar, polo que a victoria escapou para Ferrolterra.