O Santo Domingo anuncia a fichaxe de Jakub Kasa e o canteirán Diego Folla será segundo preparador do EBA

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

O Santo Domingo ultima o seu cadro de xogadores para competir por oitava tempada consecutiva en EBA Bronce. Nas pasadas semanas foi anunciando as renovacións de Jorge Abelleira, Fer Vidal, Roque Gómez, Luke, Daniel Martín, Will Pereiro, Marcos Rozas e o ourensán Amir Valcarce.

Agora, o Santo Domingo anuncia a fichaxe do checo Jakub Kasa (1992) procedente do CB Tobarra. Explica o clube que achegará a súa experiencia, altura e ameaza desde o perímetro ao conxunto.

Por outra banda, o Santo Domingo anunciou que Diego Folla farase cargo do posto de adestrador axudante do primeiro equipo, colaborando con Xoel Folgueira na dirección deportiva. Destaca do novo segundo adestrador que leva no clube desde os 9 anos e que nasa últimas tempadas se fixo cargo da preparación dos equipos femininos da entidade.