Escalada Sostenible Galicia (ESGa) presenta un informe sobre a regularización da escalada nos espazos protexidos

Un deportista practicando escalada. Escalada Sostible Galicia

Escalada Sostenible Galicia (ESGa) promove unha mellor regulación da actividade deportiva da escalada nos espazos naturais galegos, así como a súa compatibilidade coa conservación do medio, coa propiedade e cos diferentes corpos xestores. Así, tras manter diversas reunións coas autoridades responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia durante os últimos dous anos, a asociación de escaladores ESGa presenta un informe exhaustivo sobre a regulación contemplada para a escalada nos diversos espazos protexidos de España.

No territorio galego, a interpretación da normativa estase a plasmar como un complicado e ineficaz proceso de autorización nominal para aquelas persoas que queren practicar este deporte nas localizacións ubicadas en Rede Natura 2000 e Parques Naturais. O resultado é que a maior parte e máis valiosas zonas escalábeis galegas se estarían poñendo trabas aos escaladores cunha regulación que non fai xustiza á dinámica espontánea e dependente da meteoroloxía e doutros factores imprevisíbeis da actividade.

Non obstante, isto non concorda coas sendas que, atendendo ao mencionado informe, toma a aplicación lexislativa no resto de España. Tralo estudo de 222 normativas diferentes nas que se mencionaba a actividade da escalada nos preto de 1.800 lugares con distintas figuras de protección, concluíuse que en todo o territorio nacional se regula a práctica da escalada en si mesma e, polo tanto, autorízase, limítase ou prohíbese a actividade per se e non ao deportista que a practica a título individual. Non requirindo así, en ningún caso, solicitude de autorización a unha persoa ou grupo de
persoas particulares naquelas zonas de escalada e épocas nas que se contempla como actividade permitida.

“A interpretación que a Administración Galega fai da normativa trunca o correcto desenvolvemento desta actividade”, aseguran desde a entidade, asegurando que a práctica que promoven resulta “conciliábel coa conservación dos espazos, e fai que se perdan os beneficios derivados da mesma: económicos, sociais e culturais”. “A escalada correctamente regulada xera efectos positivos sobre a economía de poboacións, potenciando o turismo rural en zonas de demografía deprimida, ademais de supoñer unha potente ferramenta de educación ambiental e de sensibilización co medio natural” destacan.

É por isto que ESGa presenta o nomeado informe e está á disposición da Xunta de Galicia e das Direccións Xerais implicadas para colaborar na definición e análise de compatibilidades das políticas eficaces de conservación ambiental co desenvolvemento sustentable das zonas de escalada.