Cen nenos e nenas das comarcas de Ferrol, Eume e Betanzos clausuran en Manzaneda a Campaña de Esquí 2020 da Deputación

Campaña de esquí da deputación

Un centenar de nenas e nenos de entre 10 e 14 anos dos concellos de Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Capela, Coirós, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Mugardos, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiso, Sobrado, Toques, Vilarmaior e Vilasantar gozaron a pasada fin de semana en Cabeza de Manzaneda (Ourense) da quinta e derradeira expedición á neve da Campaña de Esquí 2020, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.

Aínda que con escasa neve na estación, os escolares tiveron a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica deste deporte con monitores profesionais e de participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.

A deputada responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, Cristina Capelán, destacou que este ano a campaña de inverno da Deputación chegou a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.