Carlos Arévalo non conseguiu o obxectivo de clasificarse para o Campionato do Mundo de piragüismo

Carlos Arévalo, do Ría de Betanzos non puido cumprir na Copa do Mundo de Duisburgo (Alemaña) ningunha das dúas condicións. Nin quedou onte entre os cinco primeiros na final de K1 200 metros, na que foi noveno, nin se impuxo ao seu compatriota Carlos Garrote, que foi cuarto. O mellor dos dous lograría a praza coa selección española e aínda que o coruñés se impuxera ao zamorano no selectivo nacional, o vixente campión do mundo e de Europa exhibiu os seus galóns para lograr o billete mundialista.

Á primeira hora da mañá víronse as caras nas semifinais. Pasaban tres e Garrote fíxoo como segundo e Arévalo, como terceiro, ambos por detrás do lituano Arturas Seja. Na última rolda, só dúas horas despois, ao coruñés non lle foron ben as cousas. Nunha proba de velocidade pura, de pouco máis de 30 segundos, calquera erro é decisivo. Arévalo estivo lonxe da loita polas medallas que encabezou o británico Liam Heath (34.647) por diante do francés Maxime Beaumont (35.111) e do propio Seja (35.251). Garrote foi cuarto con (35.257) mentres que a prestación do padeeiro betanceiro foi de 35.977.