A Deputación concede 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia

Unha edición da Mini BTT. Foto de dospuntocerosportteam

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, concede este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

O goberno provincial afirmou que “ademais de premiar o esforzo e a excelencia dos deportistas coruñeses, a Deputación quere colaborar con elas e eles para que poidan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel”.

“As bolsas para deportistas da Deputación pretenden ser unha axuda para que estes mozos e mozas sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés”, apuntan desde a institución provincial. Neste sentido, consideran relevantes estas axudas  “para apoiar o traballo diario” das persoas deportistas da provincia e darlles a oportunidade de continuar participando en competicións do máis alto nivel.

Máis bolsas e máis dotación económica

O importe destinado a bolsas para deportistas incrementouse notablemente nos últimos anos, pasando de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros. Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre 24 e 30 anos poidan participar na convocatoria.

Os bolseiros/as da Deputación deben practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas olímpicas e a súa concesión baséase no seu historial deportivo e nos resultados obtidos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais, así como no proxecto deportivo presentado para a tempada actual.

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes: Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos, Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos e Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.