A Deputación apoia con 1,5 millóns de euros a entidades deportivas da provincia

Pista deportiva do Xuncaliño. Imaxe do Concello

A Deputación da Coruña inviste 1.550.000 euros para dar apoio ás entidades deportivas sen ánimo de lucro da provincia na organización de grandes eventos e na participación de equipos e deportistas en competicións nacionais e internacionais.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte as bases destas subvencións a través das que o ente provincial busca promover a actividade deportiva na provincia, promovendo o deporte base e as competicións de alto nivel.

Así pois, o ente provincial inviste 1.050.000 euros para apoiar a clubs deportivos con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional. O obxecto deste programa é financiar os gastos derivados da súa participación en competicións oficiais federadas.

Entre as modalidades financiadas figuran o atletismo, baloncesto, balonmán béisbol, duatlón, fútbol, fútbol sala, halterofilia, hóckey, caiac polo, rugby, tenis de mesa, traíñas, voleibol, tríatlon e deportes náuticos. Só poderá solicitarse subvención por unha modalidade deportiva e categoría.

Por outra banda, a Deputación destina 500.000 euros para financiar eventos de gran repercusión no territorio, tanto a nivel deportivo como social e económico. As contías dirixidas ás diferentes entidades poderán oscilar entre un mínimo de 6.000 euros e un máximo de 70.000 euros e permitirán financiar gastos como a compra de bens destinados á actividade, material para protexerse da Covid-19, transporte ou publicidade, entre outros.

Como requisitos para presentar un proxecto: que o evento estea incluído no calendario de competicións oficiais e que cada entidade presente só unha iniciativa.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia de programas como estes á hora de “impulsar a equipos e deportistas da provincia, dando apoio ao deporte galego nas diferentes categorías e disciplinas para situalo na vangarda”.

As solicitudes a ambas axudas deberán presentarse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación. O prazo para facelo determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP da Coruña, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.