30 concellos acollerán o VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares

Unha carreira ao seu paso pola Porta da Vila

Este sábado día 27 de abril arrincou coa VII Carreira Pedestre Concello de Oroso o VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares Deputación da Coruña que visitará trinta concellos da provincia. As carreiras prolongaranse até o 22 de decembro en que se pechará o circuíto co VIII Sin Son 10k de Porto do Son.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, e presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos Baz, asinaron esta mañá o documento para a xestión da coordinación do circuíto de carreiras populares para o que se establece un orzamento de 29.000 €.

En total, serán trinta carreiras nas que a organización agarda que participen un número de superior ás 35.000 persoas, cifra que xa se superou na anterior edición do circuíto.

O programa comezará o día 27 de abril coa VII Carreira Pedestre do Concello de Oroso para programar en maio tres novas actuacións, XVI Carreira Pedestre Concello do Pino, o día 11, a IV Carreira Pedestre Concello de Mazaricos o día 12, a V Carreira Popular Concello de Dumbría o día 25 e a VI Carreira Popular Concello de San Sadurniño o día 26.

Para xuño prográmanse a VI Carreira Pedestre Concello de Zas o día 1, VIII Carreira Popular Ría do Burgo de Culleredo, o día 2, IX 10k Carreira Popular Concello de Carballo o día 16 e a VI Carreira Pedestre Concello de Cee o día 22.

En xullo correranse as carreiras de Muxía, Tordoia, A Laracha e Curtis e en agosto Cambre, Noia, Carnota, Ferrol, Ares e A Pobra do Caramiñal. Para setembro, o Circuíto incluirá na súa programación a Sada, Ribeira, Cabana de Bergantiños e Corcubión.

Xa no inverno, a xeira de carreiras da Deputación da Coruña desenvolveranse en Ames, Negreira, Fisterra, Rianxo, Boiro e Brión para rematar o VII Circuíto o día 22 de decembro en Porto do Son.