Xosé A. Fraga presenta “Ciencia próxima” o venres 24 na libraría Biblos

Tucho Calvo, responsable da libraría Biblos

Xosé A. Fraga presenta “Ciencia próxima” na libraría Biblos de Betanzos o venres 24 de xaneiro, ás 19.30 horas.

“Ciencia próxima” recolle unha serie de textos relacionados coa cultura científica na comarca coruñesa que Xosé A. Fraga escribiu para o diario La opinión dende 2014. No volume destaca a presenza de fitos e figuras relevantes relacionadas con Betanzos e así atópase a historia da farmacia Couceiro, a máis antiga de Galicia.

Fálase tamén sobre o betanceiro Francisco Roldán Gil, formado na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol e destinado nos Correos Marítimos coruñeses. Do paso de científicos como Humboldt. Da publicación dun escrito de Nóvoa Santos na revista das Irmandades da Fala editada en Betanzos, Rexurdimento. Boletín da Irmandade Nacionalista Galega, e da importancia de Gonzalo e Celia Brañas Fernández, fillos da betanceira Consuelo Fernández Miranda.

Apórtanse datos sobre o impacto na zona da gripe en 1918 e tamén sobre o mitin no que participou o naturalista Odón de Buen, fundador do Instituto Español de Oceanografía. O autor estará acompañado por Salvador Naya, betanceiro e vicerreitor da Universidade da Coruña.