Xornal de Betanzos pecha outubro con máis de 15 000 visitas únicas

Xornal de BetanzosXornal de Betanzos pechou o pasado mes de outubro con 15 771 visitas únicas totais, grazas ás 509 visitas únicas diarias de media, o segundo mellor dato nos máis de once anos de vida deste proxecto informativo de proximidade. Son uns números que respaldan a aposta pola información plural, crítica e de proximidade feita polo equipo que construímos Xornal de Betanzos.

A marca do mes de maio supón, á súa vez, batir coas cifras do pasado mes de abril e ficar a mil visitas do pasado mes de maio, que marcaran xa o teito de Xornal de Betanzos. As estatísticas e cálculos das visitas únicas e medias están elaboradas polo motor WordPress da propia web e por Google Analytics, sen cálculos por parte da redacción. Con respecto a outubro do pasado ano, con 8.305 visitas únicas contabilizadas polo motor do web, supón un incremento do 60,74% das visitas únicas.

Neste outubro que xa se foi, Xornal de Betanzos mantivo a liña de aunar a actualidade, con actualización dos datos da pandemia, e reforzar os contidos propios, dando luz a numerosas reportaxes sobre aspectos culturais e patrimoniais de Betanzos e a súa comarca. Moitos deles cólanse entre as 20 novas máis vistas do pasado mes. O primeiro, a entrada de Betanzos en fase amarela pola alerta sanitaria, que levou 2646 visitas únicas. Con 1085, a saída de Betanzos desta listaxe foi a terceira nova máis vista. Actualmente estamos en laranxa, que conste.

A negativa, xa vencida, do goberno local a publicar o estado sanitario do municipio foi a “medalla de prata”, con 1322 visitas únicas durante outubro. Con 808 a cuarta é a nova dun positivo nun traballador que prestou servizos no Vales Villamarín. Sexta foi a demanda do BNG de publicación da información sanitaria, con 389 visitas únicas.

Alén dos datos da pandemia, o baile da yenka do goberno local coa celebración das feiras e as queixas dos vendedores foron a quinta nova máis vista do mes, con 585 visitas únicas. E as condenas contra o Concello por contratos de persoal fraudulentos foron a décima nova, con 258.

Xornal de Betanzos cumpriu en xuño once anos de presenza na rede. Desde aquela, atrevesou dous períodos de inactividade que se reflexan perfectamente na estatística histórica de audiencia. O cambio de dirección, a aposta por unha maior presenza en redes sociais e por ampliar os contidos culturais e deportivos, xunto coa introdución de reportaxes sobre temas que non centran estrictamente a actualidade local, teñen sido ben acollida pola comunidade de lectores que dá sentido día a día á existencia deste portal informativo. O cambio de web en 2018, que tamén se reflexa na táboa de visitas únicas polo que supuxo de mudanza de enderezo e posicionamento web, ten contribuído sensiblemente ao incremento do volume de visitas.

Todo isto non tería sentido sen unha resposta desde os vosos smartphones e computadores ao outro lado da rede. Ante todo o noso agracedemento aos nosos lectores, anunciantes e colaboradores.