Volven os Sábados Miúdos con Pablo Díaz e o seu concerto “Coas miñas mans”

Logo da parada das actividades do programa de dinamización lingüística para público infantil “Sábados miúdos” polo estado de alarma e a situación de pandemia pola expansión da Covid-19, o Concello de Betanzos retoma a programación dos Sábados miúdos co concerto didáctico de Pablo Díaz “Coas miñas mans”, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro ás 12:00 h no Salón Azul do Edificio Arquivo.

O Concello de Betanzos retoma a programación para os máis pequenos e pequenos con todas as medidas de seguridade e con redución da asistencia con respecto á programación habitual antes da Covid-19. O espectáculo está dirixido a 10 nenos e nenas, que poderán asistir acompañadas dunha persoa adulta e que deberán inscribirse previamente. O prazo de inscrición abrirá en novas.betanzos.es o 8 de setembro ás 09:00 h ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

O programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados miúdos comprende neste ano 2020 nove espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas e lingua para desfrutar en familia. A próxima sesión será o vindeiro sábado 26 de setembro, co contacontos “A pitiña Cocoricó” de Charo Pita, ás 12:00 h no Salón azul do Edificio Arquivo.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 (ext. 2108) ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

Coas miñas mans”

Pablo Díaz leva xa 4 traballos discográficos dedicados ao público infantil. Durante os case dez de carreira leva percorridas moitas escolas infantís, de primaria, ademais dos concertos habituais por diferentes localidades galegas. Nesta andaina percatouse da importancia que para as nenas e nenos ten toda a xestualización manual e facial, e por este motivo, partindo das mans como estratexia comunicativa, xorde este traballo “Coas miñas mans”.