Un patrimonio único que desaparecerá en 2023: a escribenta iberoccidental

Escribenta das canaveiras. Seo Birdlife

A simple vista semella un gorrión, e como tal non chama a atención pola súa relativa abundancia. Nos apenas 15 cm deste paxariño hai tanto patrimonio encerrado como nas igrexas góticas do Casco Histórico.

Esta subespecie da escribenta reside apenas na cornixa cantábrica e Portugal, sendo o noso país e Portugal o seu maior enclave. Pero desde 2005 viñeron desaparecendo cinco de cada seis parellas deste animal. A este ritmo, as previsións indican que a especie desaparecería en 2023.

O último censo, realizado pola SGHN, alerta de que tan só quedan xa 110 parellas desta ave no noso planeta, o 18% das cales se atopan en Galicia e o resto destes animais en Portugal. A destrucción de hábitats está detrás do seu devalo, que podería tornarse irreversible.

A dieta da escribenta das canaveiras iberoccidental componse de arañas, insectos e sementes que buscan en pastos e labradíos próximos ás canaveiras nas que reside e aniña. As canas do bordo dos carrizais son o lugar de aniñamento dunha ave que está censada como residente en Betanzos, na ría e carrizal de San Xiao, pero que non consta que aniñase no noso entorno.

En perigo de extinción debido á súa vulnerabilidade

Estes hábitats e hábitos alimentarios son os que a sitúan precisamente ao bordo do colapso e extinción. En 2009 a Sociedade Española de Ornitoloxía declarona ‘Ave do Ano’, para chamar a atención sobre o seu estado. No estado español hai dúas subespecies, a iberoriental ‘ Emberiza schoeniclus witherbyi’, considerada en perigo, e a iberoccidental ‘ Emberiza shoeniclus lusitanica’, en perigo crítico de extinción.

O plan de xestión da especie da Xunta non conta con orzamento nin está actualizado, segundo alertan as entidades conservacionistas. Por este motivo forzaron que a Xunta encargue un novo censo, que no mellor dos casos estará listo en setembro.

Presenza en San Xiao e impacto do paseo do Mandeo

Unha das mobilizacións para salvar o carrizal de San Xiao do paseo. Foto extraída do facebook do BNG comarcal

A escribenta das canaveiras está documentada como residente habitual no Carrizal de San Xiao, se ben aínda non se rexistrou a súa presenza como nidificante. O hábitat, con xuncais e terras de labranza e a proximidade do río, esta contemplado no plan de conservación da especie.

Por este motivo, entre outros, entidades ecoloxistas e o BNG prenderon as alarmas diante do proxecto do goberno local do PSOE de trazar un paseo desde o convento das Agostiñas Recoletas ata o Campo dos Caneiros atravesando toda esta zona de presenza estable do paxaro. Os recheos, terraplenados, paseos pilotados e demais elementos poderían alterar a tranquilidade que esta especie ameazada precisa para manterse a menos dun quilómetro do centro de Betanzos.

O alto comisionado das Cortes Xerais, o Defensor del Pueblo, tamén reparou nas indicacións do plan de recuperación da especie e de como o proxecto que pretendía executar o goberno socialista colisionaba co interese xeral de protexer a poboación betanceira da especie.

Que siga cantando nas canaveiras do Mandeo exixe, pois, actuacións decididas da Xunta, con medidas estruturais de conservación, e a cooperación do Concello na preservación de espazos claves para a conservación da especie.