Terra a Nosa! Unha visita á Betanzos das Irmandades

A bandeira das Irmandades da Fala

Hai cen anos fundábase na nosa cidade a Irmandade da Fala de Betanzos. Seguía o camiño iniciado o 18 de maio de 1916, cando Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro. Seguíronlle moitas, nos anos seguintes, entre elas a betanceira.

Cando se cumpren cen anos da fundación desta organización nacionalista galega coa que o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego, propoñémosche unha viaxe a través do Betanzos das Irmandades.

A guía: as investigacións de Xesús Torres

Toda viaxe que se precie ten unha guía de man para facer parada nos máis senlleiros lugares a visitar. Ofrecémoscha en tres formatos: “A Irmandade da Fala de Betanzos: 1917-1930”, artigo de investigación de Xesús Torres Regueiro publicado no Anuario Brigantino de 1991. Que non es de ler? Non te preocupes, o profesor seguiu investigando no tema desde aquela altura e podes escoitalo en podcast ou asistir á conferencia que ofreceu no Salón Azul do Liceo o pasado ano. Será por opcións!

O Alfonsetti: mitin inaugural, Xogos Florais, teatro…

Interior do Alfonsetti

O teatro municipal Alfonsetti foi, sen lugar a dúbidas, un dos epicentros da actividade da Irmandade da Fala betanceira. Alí se presentou publicamente nun mitin no que participaron Xaime Quintanilla, Antón Vilar Ponte e Lois Peña Novo o domingo 23 de outubro de 1917. Un ano despois, aquel foi o escenario tamén da entrega de premios dos Xogos Florais, o 17 de agosto de 1918. Non é que as Irmandades inventasen a cita, que en Betanzos xa se viña celebrando con pouso galeguista desde 1886 cando menos, pero retomárono. Iso si, de forma moi cuestionada, pois o patrocinador da Irmandade e o certame, Federico Pita Espelosín, interviu en español dando outro discurso afastado do ideario das Irmandades o mantedor dos xogos, o carlista Vázquez de Mella. O premio de poesía, por certo, quedaría deserto.

Máis alegrías deu o Alfonsetti aos irmandiños cando acollía as funcións do seu cadro de teatro. Mesmo chegaron a convocar un certame para premiar novas composicións teatrais.

O 22 dos Soportais do Campo

Descuberta da placa na sede das Irmandades pola Corporación e descendentes

No número 22 dos Soportais do Campo, como informa a revista Rexurdimento, tiña a súa sede a Irmandade. Para os que somos doutra época, dicir que vivían onde estivo o Bar El Túnel ubícanos enseguida debido ao cambio na denominación e numeración da actual rúa dos Ferradores. Desde a pasada semana, por petición do BNG, unha placa recorda que alí residiu oficialmente a Irmandade.

Arquivo municipal: a revista Rexurdimento

Subtitulada Boletín quincenal. Órgao dos intereses mariñáns, apareceu o 1 de agosto de 1922. Estaba dirixida por Salvador Mosteiro Pena e relacionada coa Irmandade Nazonalista Galega. Incluíu temas sociopolíticos, crítica literaria e unha sección de noticias de Portugal e Irlanda. Tamén aparecían recensións e colaboracións literarias de nacionalistas betanceiros. A revista expón as ideas reintegracionistas de Mosteiro. Interrompeu a edición o 16 de outubro de 1922 polo traslado do seu director a Madrid, e reapareceu en xaneiro de 1923 como órgano oficial da Irmandade Nazonalista Galega (cambiou o subtitulo a Ógao da I.N.G.) controlada por Vicente Risco desde Ourense, logo de fender as Irmandades en dous grupos, sendo este o que avogaba por unha acción estrictamente cultural. Cesou a súa publicación en xullo de 1923.

A Asociación Cultural Eira Vella fixo hai anos unha edición facsimilar de todo o fondo completo da revista, coordinado precisamente por Xesús Torres.

Villuendas: a imprenta da Irmandade

Aínda non cobrara o libro das obras premiadas nos Xogos Florais de 1918 a Imprenta Villuendas cando botou o peche. Das máquinas que agora están no acceso ao Arquivo Municipal saíron as proclamas, libros e revistas da Irmandade betanceira.

O primeiro descurso público en galego

Foi en 1907, dez anos antes da fundación das Irmandades da Fala, pero Lugrís Freire fixo o primeiro mitin público integramente en galego desde a Idade Media. Aínda non era o actual palco art decó de González Villar- cuxo deseño de xardín para a actual praza de Galicia foi loubado pola Irmandade da Fala, e era un evento agrarista e galeguista. Se o traemos a este roteiro é porque o mariñán Lugrís Freire foi un dos fundadores do movemento e un dos colaboradores da Irmandade brigantina.

Sánchez Bregua nº3: a memoria oculta

Un recibo da Irmandade

No tres de Sáchez Bregua, actual tres da rúa do Castro, ou nos “Soportás da Praza” como advertían na súa publicidade en Rexurdimento, estaba o comercio textil de Abarrategui e Bonome. Ares Castro, un dos empregados da firma, gardou alí o arquivo da Irmandade cando deixou a actividade. E suponse que o esconderon baixo sete chaves a partir de 1936. E así chegou a nós e pode ser hoxe consultado desde todo o mundo tras ser depositado no Arquivo Municipal.

No lote que esta acción rescatou para a memoria colectiva do país está a única bandeira conservada dunha Irmandade da Fala, que pode visitarse no Museo das Mariñas. A historia da bandeira é curiosa, xa que foi donada polo citado Federico Pita Espelosín, un militar xubilado que pretendía asento en Cortes e quería gañarse a titulación dos galeguistas da circunscrición betanceira, sen ter, como vimos, nada que ver co ideario irmandiño.

O balcón municipal e a enseña galega

A primeira vez que ondeou a bandeira galega en Betanzos, desde os tempos en que os pendóns dos reis galegos ondearan nas torres da cidade, foi nestes anos. Debeuse ás Irmandades. Iso si, o alcalde do turnismo da Restauración, esixiu poñer tamén no balcón a enseña do estado e o pendón da cidade, tal vez para retirarlle simbolismo ao ondear da bandeira galega.

Á Irmandade tamén lle debemos, probablemente, a estrea do Himno Galego na cidade. Foi precisamente na entrega dos premios dos Xogos Florais de 1918 no Alfonsetti e foi por conta da Banda Municipal. Vales Villamarín, presidente da Irmandade, confesaría que tivo que traer a partitura da Coruña porue a Banda aínda non a tiña.

A Fábrica da Luz da Ponte Nova e a Quinta de San Vitorio de Vixoi

A fábrica da luz desde o Mendo

O 14 de xuño de 1894, o enxeñeiro José López-Cortón Viqueira solicitaba do Concello de Betanzos a instalación do alumeado público da cidade por medio da enerxía eléctrica, estabelecendo para elo a sociedade comanditaria “J.L. Cortón y Cía.” Instalou a xeneración no edificio que empezara a construír en maio de 1895 na Finca da Pesqueira, a carón dos xuncais da Ponte Nova. O edificio da central tiña un so corpo rectangular paralelo á estrada da Coruña, dividido internamente en tres dependencias. As paredes eran de cantearía, e cuberta feita a dúas augas en tella do país. Na estrema de poñente da fachada principal, destacaba un recinto de planta semi octogonal, e acaroada ao terzo oriental da parte traseira levantábase unha cheminea de ladrillo.

O contrato do alumeado sería finalmente adxudicado a “J.L. Cortón y Cía.” o 16 de marzo de 1899, e co aumento da demanda a produción de electricidade iría medrando dende os 45 kWh diarios de 1897 aos 135 kWh diarios de 1902.
Na primavera de 1901 os adiñeirados irmáns Juan e Jesús García Naveira incorporábanse como socios á compañía “Núñez y Cía.”, promovida pola banca “Hijos de A. Núñez” e que estaba a construír a central hidroeléctrica das Pías, no veciño Coirós. No mes de xullo de 1901, os donos do salto de Coirós, adquirían a Cortón a fábrica de electricidade e da serraría electromecánica anexa, e o 26 de agosto facíanse cargo do contrato de subministro que tiña co municipio.

Que ten a ver isto coas Irmandades? Pois López-Cortón Viqueira era tío de Johán Vicente Viqueira, filósofo, psicólogo e pedagogo galego, conferenciante con sona de excelente orador, alumno da Institución Libre de Enseñanza, tradutor de autores europeos ao castelán, membro das Irmandades da Fala e participante nas asembleas nacionalistas. O nacionalismo galego de Viqueira era democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco.

As sufraxistas galegas

O idearium das Irmandades da Fala incluía o voto feminino desde a súa proclama inaugural de 1917, mesmo antes de que outras forzas progresistas do estado español o adoptasen. A sección feminina das Irmandades da Fala distinguiuse polas súas arengas. De entre elas, destacamos á bergondesa María Miramontes, a “Tecedora da Patria”.  Filla de xornaleiros, trasladouse coa súa familia á Coruña, onde comeza a traballar nun obradoiro de costura aos 11 anos. Nesta cidade relaciónase con outras mulleres que terán un papel moi destacado no galeguismo e no republicanismo como Elvira Bao Maceiras e Amparo López Jean.

Militou nas Irmandades da Fala e en 1918 formou parte da súa Xunta Directiva. En 1920 casou con Ánxel Casal, abriron xuntos unha tenda de tecidos, na que traballou de costureira. O matrimonio puxo en marcha outras moitas iniciativas. Fundaron a Editorial Lar e posteriormente a Editorial Nós e dirixiron as Escolas de Insiño Galego, ensino bilingüe e inspirada nos principios da Institución Libre de Enseñanza. Coa proclamación da II República e o ingreso no Partido Galeguista, trasladáronse a Santiago de Compostela, onde seguiu a traballar de costureira. No ámbito político, colaborou na campaña a favor do Estatuto de Autonomía e na que levou ao seu home á alcaldía compostelá. Todo isto levou a Castelao a asegurar que “Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós”.

Tras o asasinato do seu marido na Guerra Civil, embarcou na Coruña rumbo a Buenos Aires en novembro de 1936. Na capital arxentina traballou de modista e casou cun curmán, Pedro Miramontes. Mantivo contacto con representantes do exilio galego como Luís Seoane e Maruxa Seoane. Morreu no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires.

A súa pegada no rueiro….

Betanzos dedicou varias rúas a persoas e entidades deste movemento. A rúa Irmandades da Fala está no barrio da Cruz Verde, lindando coa de Salvador Cabeza de León, outro ilustre do movemento. No Carregal están as Imprenta Villuendas e Johán Vicente Viqueira, cerca do colexio ao que dá nome Vales Villamarín.

… e o esquecemento dos que non están

A represión franquista en Betanzos, vista por Crestar

Moitos nomes senlleiros deron as Irmandades da Fala, mesmo a de Betanzos. Non hai ningunha honra pública dedicada ao debuxante Manuel Crestar, autor, entre outros moitos deseños, dunha estampa sobre a represión franquista en Betanzos que non desmerece aos Álbumes de guerra de Castelao.

É vergoñento o esquecemento do autor do primeiro diccionario de galego, o betanceiro Salvador Mosteiro. O 11 de maio de 1982 morre na Coruña o escritor Salvador Mosteiro Pena. Formou parte da Irmandade da Fala de Betanzos e, posteriormente, presidiu a da Coruña. Nos anos vinte fundou en Madrid a Mocedade Céltiga con Fermín Penzol. Foi o primeiro director da revista Rexurdimento e dirixiu A Nosa Terra, ademais de colaborar na revista Alborada de Buenos Aires (1930).

Como membro da Irmandade de Betanzos participou na Asemblea Nazonalista de Lugo (1918). Preocupado pola normalización do galego, que consideraba debía achegarse ao portugués, formou parte do comité executivo que organizou a primeira Festa da lingua galega que tivo lugar o 25 de xullo de 1930.