Seis fitos do patrimonio industrial de Betanzos

A fábrica da luz desde o Mendo

Falar de patrimonio en Betanzos é, case forzosamente, falar do Casco Histórico, das impresionantes igrexas oxivais ou, chegado o caso, do decadente Pasatempo. Pero hai moito máis patrimonio encerrado na nosa cidade, e moitas veces pasa desapercibido, eclipsado polo protagonismo dos grandes iconos patrimoniais, aínda que, de certo, constitúe un patrimonio que calquera concello galego querería para si.

A fábrica da luz

Edificio modernista, deseñado por Rafael González Villar que condensa a historia da electricidade no noso país que se debate agónico contra a desaparición. Ata que a Xunta declarou, este ano, monumento industrial o edificio, foron lustros de abandono e ríos de tinta os que fixo correr este emblemático edificio que consta de principal, naves anexas e un peirao de perpiaño que garda, ademais, o pouco que queda da Ponte Nova medieval. Ata a data todos os planeamentos urbanísticos prevían, como denunciou o BNG, a súa substitución por un bloque de pisos.

Curtidoría da Madalena

Agardando aínda por unha catalogación que non chega, á vella curtidoría dos Etcheverry- que deu lugar, andando o tempo, ao desaparecido Banco Etcheverría para ampliar os seus negocios e financiar a súa expansión- no arrabaldo da Madalena córrelle o tempo na contra. Un esquelete metálico preserva, desde hai uns anos, a súa cheminea de ladrillo da tentación de virse abaixo mentres o resto do edificio, que no seu día acolleu un campo de concentración franquista, continúa desaparecendo un pouco máis cada inverno.

Curtidoría de Caraña

As curtidorías de Caraña déronlle o segundo nome ao río do lugar, como río dos Pelamios. Estes pelamios eran precisamente unha das instalacións das curtidorías anteriores á revolución industrial, a onde chegaban a pel en bruto do matadoiro e se metían a ablandar no río ou en pozos denominados, precisamente, pelamios. Con auga e cal abrían o poro e esfolaban a pelica, para logo zurrala retirando os restos, e de aí iniciar o curtido e secado ao sol. En Caraña de Abaixo quedan dúas, unha delas alzada sobre pontellas sobre o río con aspecto señorial, víndose poco a pouco abaixo sobre si mesma e pechando os seus recordos.

A curtidoría Etcheverría, na Madalena, acolleu un campo de concentración franquista. Imaxe do Arquivo Municipal

Muíños

O río de Caraña e o Mendo foron os polígonos industriais de Betanzos hai un par de centurias. Ao longo deles, nas tres aldeas de Caraña ou Roibeira, Tabacos, O Marulo, Barallobre, O Martinete ou A Acea- os propios topónimos denotan a presenza desta industria, clave para o desenvolvemento de Betanzos como cidade ao longo da súa historia. Na súa maior parte están abandonados, mesmo derruídos. Incluso un que é propiedade municipal desde 2009 en Caraña de Abaixo.

Estación do tren e ponte sobre a ría

A finais do XIX e comezos do XX decidiuse facer e executar o ramal da vía do tren entre A Coruña e Ferrol, pasando pola nosa cidade. A obra foi de envergadura, co desvío do río Mendo e a súa canalización polo seu trazado actual, a modificación do nacemento da ría canalizándoa nun novo porto e a construcción dunha ponte colgante de estilo Eiffel para salvar o canal. Xunto a esta ponte de ferro, revolucionaria para unha cidade medieval no seu momento, construíuse o conxunto da estación Betanzos-Cidade, no estilo da época, mestura de modernismo e rexionalismo.

Estación Betanzos-Cidade. Foto da Galipedia

A ponte está desfigurada, pois nalgún momento Fomento decidiu adosarlle dúas pasarelas peonís. A estación durme, pechada e nun proceso acelerado de deterioro, agardando por un tren de cercanías que non chega, e a vella nave de carga está alugada a un comercio local.

Alfolí e celeiro

O sal foi motivo de desputa entre a nosa cidade e a da Coruña desde a Baixa Idade Media, con pleitos que duraron centurias e que os monarcas viraron en favor dunha ou outra urbe atendendo ás súas comenencias. Para almecenala como elemento clave que era, as cidades dispuxeron de edificios especiais. Outro tanto acontecía co grao, era clave manter reservas en cidades que podían ser sitiadas.

Betanzos conserva aínda en pé o seu alfolí da sal. Dálle nome a unha rúa e, aínda que desfigurado por ter sido reacondicionado como vivenda, os poucos e estreitos ocos evidencian que non era esta a súa función orixinal. Aínda que, cando menos segue en pé, non coma o cuartel militar que houbo apenas a unhas casas del. Tamén segue en pé o que foi celeiro da cidade, na galla que fan as rúas Nova e da Torre, tamén reconfigurado como vivenda.