Profesionais do audiovisual, o ensino e editoriais, e activistas do idioma presentan unha iniciativa por unha canle infantil na TVG

Presentación da iniciativa a prol da Xabarín TV

Dúas ducias de profesionais da música, do audiovisual, do teatro e da industria editorial de Galiza, así como representantes de colectivos sociais e de todos os ámbitos do ensino do país arrouparon esta mañá en Compostela o lanzamento da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego.

O sector cultural e educativo amosou, así, o seu apoio á petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.

A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, recordou no acto de presentación, que a proposta tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. “O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias”, salientou.

O apoio do sector cultural concrétase na posta en marcha dun grupo impulsor da iniciativa popular no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe); artistas de referencia para o público infantil e xuvenil como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona; empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas como Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais; colectivos sociais como a Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas; e organizacións do ensino como Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG.

15000 sinaturas de apoio en apenas tres semanas

O presidente da Mesa, o betanceiro Marcos Maceira, recordou na presentación que a petición reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas. Foi, precisamente, a velocidade e a intensidade con que a sociedade galega respondeu á proposta o que levou a entidade de defensa da lingua a transformar o que inicialmente era só unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. “Coidamos que é maneira máis eficaz de demostrar a nosa forza colectiva e de transformar en realidade a necesidade”, afirmou Maceira.

“Unha televisión en galego para crianzas e mocidade”, concluiu, “é necesaria para sermos conscientes, de novo, da potencialidade criadora que hai en Galiza: produtoras, actores e actrices, editoriais, ilusttradoras, escritores e escritoras, músicas de enorme éxito malia as limitacións de difusión por carencias nos medios públicos”. “Día a día demostran ademais que máis que demanda o que hai é necesidade, como a hai para calqeura sociedade avanzada mais que no noso caso é urxencia”, asegurou, “como demostra esta iniciativa que nace coa participación de ducias de colectivos do sector da cultura mais tamén das asociación de nais e pais, orgnizacións xuvenís, a grande maioría da representación sindical do profesorado galego ou os xa máis de 200 estabelecementos comerciais onde se recollerán as sinaturas nos próximos días asi que a Xunta electoral valide, sele e numere os pregos onde se recollerán”.

Na fotografía da presentación en Compostela aparencen Marcos Maceira e Celia Armas (A Mesa pola Normalización Lingüística), Pablo Díaz, Paco Cerdeira (Paco Pakolas e A gramola gominola), Fran Amil (Chuches Amil), Diego Roca (Uxía Lambona) e Sergio Rodríguez (Troula), Fran Rei (Pallasos en Rebeldía, Nacho Fungueiriño (Culturactiva), Camilo Franco (AELG), Iria Taibo (AGPTI), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Mar Lois (ANEGA), Artai Gavilanes (Erguer), Antón Costa (Nova Escola Galega), Patricia Varela (AS-PG), Xesús Bermello (CIG Ensino), Maica Couto (STEG), Marília Inês Cunha de Oliveira (CSIF Ensino) e representantes sindicais da CRTVG.