Precursoras e protagonistas: María Miramontes

María Miramontes

Onte celebramos o 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres. Unha data que pasa entre declaracións oficiais e reivindicacións do que resta por facer. E queremos reivindicar a memoria das mulleres da nosa comarca que marcaron o devir do país, que conquistaron dereitos para todas.

“Casal fixo por Galiza máis que todos nós xuntos”. A frase de Castelao dedicada ao betanceiro Ánxel Casal, que fora alcalde de Santiago e editor da revista Nós, que daría nome a toda unha xeneración, non pode entenderse sen o labor que a súa esposa exerceu canda el.

María Miramontes mantivo, co seu oficio de costureira, os fíos que tensaban a magna empresa de Nós cando os números turraban en botala abaixo. A “costureira da Patria”, como foi chamada, veu ao mundo un 6 de abril, de 1895 en Guísamo no seo dunha familia de xornaleiros que se traslada a principios do século XX á Coruña.

Alí empeza a coser, aos 11 anos, nun obradoiro, formándose como modista. Desde aí comeza a frecuentar a compañía de Elvira Bao, Pilar Castro, Amparo López Jean e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala, entidade que vai chegar a ter máis de 200 socias.

Nese ambiente coñece ao que será seu home, Ánxel Casal. No seu domicilio, no 9 da rúa de Panadeiras, abren a tenda de teas que sosterá á familia, mentres el dá clases para achegar máis fondos á familia. Ese exiguo salario dá para soster as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza. Nela entra en contacto tamén co pensamento de Xohán Vicente Viqueira, entre outros.

Proclamada a República múdanse a Compostela, por motivos económicos e políticos, para estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as súas obras. Aí María Miramontes implícase na campaña polo Estatuto, mesmo cosendo, fóra de horas, bandeiras galegas para agrupacións, entidades e institucións.

Cando Casal vai a Madrid a entregar o Estatuto, recén refrendado polo pobo galego, Franco dá o golpe de estado. Casal retorna a Compostela e ponse á fronte do comité republicano. Será delatado por un veciño tras ocultarse en VIlantime, e asasinado finalmente en Cacheiras.

María parte ao exilio tras pasar pola Coruña, de volta no seu domicilio. De Lisboa a Bos Aires, a travesía dura e o exilio cambian a súa vida, mais conserva o seu oficio e mañas de costureira para asentarse en América. Máis tarde casará cun curmán, Pedro Miramontes, que residía na mesma casa na que ela vivía, e terá coma círculo de confianza aos Seoane: Rafael, Maruxa e Luís.

Morrerá en Bos Aires, o 17 de setembro de 1964 na capital porteña. O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane).  E aí apagouse a luz dunha muller que foi clave e sustento das Irmandades da Fala, da Xeración Nós e do propio Estatuto que hoxe fai que o noso país teña constitucionalmente recoñecemento de nacionalidade histórica.

Nin Bergondo nin Betanzos, escenarios esenciais da súa nenez e da súa vida, recoñecérona con ningún tipo de homenaxe pública, aínda sequera de reparación. María Miramontes continúa exiliada. Compostela si recoñecerá a súa figura cunha rúa.