Precursoras e protagonistas: Elvira Santiso

Detalle de “Nenos na escola” de Elvira Santiso

A cabalo entre os séculos XIX e XX, e aínda que supostamente as leis de educación marcaban un incipiente ensino obrigatorio, as mulleres quedaban fóra, con ámbitos vetados. Un deles, a formación artística. E malia iso, dun xigante como é a figura de Maruxa Mallo, no último terzo do XIX e primeiro do XX imos ter mulleres pioneiras, pintoras de maior ou menor calidade e mulleres que se consagrarían como pintoras. Unha delas, brillante a xulgar polos galardóns obtidos, de Betanzos.

A nosa protagonista recibiu, no curso 1888-89 a medalla de Prata por Adorno en Debuxo Natural, ao ano seguinte a de prata por unha copia dun xeso, o Diploma de colaboración na Exposición Rexional de 1896, celebrada en Lugo. Anos despois, en 1906, obtivo a mención Honorífica na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, tres anos máis tarde a Medalla de ouro na Exposición Rexional de 1909, celebrada en Santiago de Compostela. E poñendo o ramo, a Medalla de Afonso X o Sabio en recoñecemento pola súa labor docente.

Elvira Santiso García, que é o seu nome, naceu en 1872 en Betanzos e finou en 1961 en Santiago de Compostela, onde marchara moi nova coa súa familia e onde se formou na Escola da Real Sociedade Económica de Amigos do País. Traballou como mestre particular, ensinando na sociedade da que fora alumna, onde tivo por profesores a José María Fenollera primeiro e, máis adiante, a Tito Vazquez, que influirán decisivamente na evolución da súa obra.

En Compostela simultanea con clases particulares no seu propio domicilio coa actividade docente no mesmo centro no que se formou. A maioría dos encargos pictóricos recibidos foron retratos, como acontecía cos pintores masculinos, a maioría na época.

Na súa obra amosa un sentido da percepción e do espacio moi avanzado. Co paso do tempo, a pintura de Santiso, continua aclarándose en luces e focos, situándose á beira de Sotomayor. Elvira escapa das típicas esceas de flores da pintura feminina, e tira máis aos retratos e o xénero costumbrista.

Explica Maika Gómez Novoa no portal Cultura Galega, que na súa faceta docente “transmitía emoción, motivaba ao alumnado e empregaba métodos con importantes doses de motivación artística” e que non dubidaba en corrixir a man aos seus alumnos. “Nas súas aulas aprendíase o estilo académico clásico. Non se chegaba ó mundo da cor sen antes ter claro o mundo do debuxo e o tratamento dos volumes a través da técnica do carboncillo” abunda.

A súa obra pasou desapercibida, recuperándose para o gran público grazas a unha mostra na década de 1980 no Hospital dos Reis Católicos realizada coa colección do doutor Daporta. O redescubrimento da súa obra levou algún dos seus cadros ao Quiñones de León vigués, rescatándoa definitivamente a mostra “A arte inexistente : as artistas galegas do século XX” a que no outono de 1995 redescubriu á betanceira definitivamente.

O seu nome, porén, non ocupa ningún lugar de renome nos espazos públicos de Betanzos nin o Concello conta, que se saiba, con ningún lenzo dela.