Os topónimos do litoral betanceiro

En 1970 o Ministerio de Fomento acometeu a construción do actual paseo do Malecón, sepultando para sempre os antigos peiraos, varadoiros, astaleiros de ribeira e tendedoiros que noutro día tivo o litoral betanceiro. Coa obra rompeuse definitivamente co pasado mariñeiro de Betanzos, que en boa medida truncara xa, ao impedir as estampas dos barcos de vela nos peiraos, o ramal do ferrocarril coa súa ponte de estilo Eiffel.

Non correu a mesma sorte a vella toponimia do litoral, que aínda hoxe mantén ecos do que noutra época foi a fachada marítima da cidade. Quedou viva no catastro, unha especie de rexistro fósil de nomes de lugares que xa apenas se utilizan, pero tamén na memoria colectiva. Tanto que, algúns, saltaron ao rueiro.

Viñedo na volta do Penso, tras a ponte de madeira que une O Matadoiro e O Xuncaliño

O Malecón arrinca na praza do Paio Formoso. Un nome que pode semellar que está dedicada a algún persoeiro con tal nome, mais nada máis lonxe. A antiga praza do peixe debe o seu nome a un varal- logo columna granítica- chantado no medio mesmo dela, onde se amarraban os cabos das embarcacións e se pesaba o peixe, sendo este o primeiro mercado do peixe da cidade. Está esta praza na Ribeira, con nome abondo elocuente sobre orixe e significado. Curiosamente, a nomeada rúa da Ribeira hai décadas que non ve a beira do Mandeo que lle dá nome.

Malecón adiante séguelle o lugar do Matadoiro. Recibe o nome do macelo modernista dos anos vinte que se ubicou no recheo da xunqueira, na beira mesma do río seguindo as exixencias sanitarias da época, e que o barrio rematou por engulir de maneira que, tampouco, ve xa o litoral.

A Mariña arrinca pasando o Matadoiro. É outro nome que tampouco precisa moita explicación, “Terras próximas ao mar” defínea a Real Academia. Tamén quedou nunha rúa e unha praza. Séguea, enfilando xa a Ponte Nova, o Peirao. “Construción na marxe dun río ou do mar, que polo xeral forma parte dun porto e que se utiliza principalmente para facilitar o embarque e desembarque de persoas e mercancías e para abrigo das embarcacións” di a Academia. Abondan as fotos dos vellos galeóns e pailebotes atracados no Peirao aínda cando xa avanzaban as obras da vía do tren. Logo quedaron no novo porto.

Onde o Malecón remata os microtopónimos proseguen. Di a lenda que a Galera ten tal nome porque pasando da medieval Ponte Nova atracaban as galeras, nomeadamente as que viñan cobrarse o tributo das cen doncelas. Algo, atendendo ás dimensións da ponte, bastante improbable. Outras teorías relacionan os topónimos coma este- existentes mesmo en cidades medievais lonxe do mar- con barrios de prostitutas.

Desde a Galera, seguindo a punta da marea, chégase ao Carregal, nome que deriva, aquí e noutros lugares de Galicia, de carrizal, dando idea do terreo anegado e a xunqueira. Devesa de Cachiñas foi, noutro tempo, parte desta chaira. Río arriba, pola banda máis próxima á vella cidade medieval, atopamos os lugares do Frade, e antes das Cascas e máis metido no río, o Areal, que evoca a presenza de Xabre nun remanso do Mendo. Logo xa chegamos ás Cascas, que toman nome da casca da madeira apiada, din os que estudaron o lugar.

Embarcacións nos peiraos da Ponte Vella

Da outra banda atopamos a mesma riqueza. Fronte á Ribeira está a Eira Vella, oficialmente praza de Herique IV, espazo comunal de malla e descarga de embarcacións ata non hai tanto. Séguea o Xuncaliño, un carrizal de aproveitamento comunal. En ambos casos, os nomes oficiais resistíronse a recoñecer os topónimos tradicionais.

Río arriba, á Eira Vella séguelle O Mandeo, espazo que obviamente debe o seu nome ao propio río, e logo, fundíndose xa co terreo agrario da contorna, A Veiga, “ferreo baixo, amplo e fértil, xeralmente ás beiras dun río”, segundo a Academia. Fronte á Veiga do Mandeo está a da Cañota, que noutro tempo foi tamén agger publicus de aproveitamento común para a vella cidade amurallada. Antes de chegar a ela está o Peirao das Monxas, que toma nome do convento das Agostiñas e que tampouco respectou o nome oficial do paseo da Tolerancia. Máis arriba, fundindose coa montería de San Xiao, está xa Os Ánxeles, que garda a fonte máis antiga da cidade.

Traiñeiras nunha regata no Mandeo, á altura da Eira Vella, a principios de século XX

Onde se xuntan, artificialmente, Mendo e Mandeo empeza o Porto. Peirao Novo chamouse nalgún tempo. De salvar alí a ponte do tren e tirar Mandeo arriba pasábase polo Penso. O camiño caeu hai unha década sen se repoñer. De optar por seguir a ría curso abaixo, son xa espazos netamente agrarios, como Sarra.

Antes ambos os ríos xuntábanse na Cangrexeira, onde aínda hai unha fonte neoclásica. O topónimo evidencia a elocuencia de pateiros no entorno que elixiu o compositor Carlos López García-Picos para descansar para sempre.

Microtopónimos a punto de perderse pola desidia do rueiro oficial

O estudo da toponimia é moi importante porque aporta importantes datos históricos, xeográficos, económicos e etnográficos, pero tamén desde o punto de vista cultural, porque os topónimos son testemuña do patrimonio material e inmaterial que en ocasións permanece esquecido ou oculto e en moitos casos só queda no rexistro da memoria oral.

Astaleiro de ribeira dos Bedoya, no Matadoiro

O nomenclátor de Galicia é un corpus toponímico desenvolvido pola Xunta de Galicia que regula os topónimos oficiais dos lugares, parroquias e concellos de Galiza. O nomenclátor está editado pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e ten carácter legal canto á denominación das entidades de poboación.

Pódese consultar a través de Internet. A súa páxina web ten un buscador on-line que permite utilizar expresións regulares na busca de secuencias gráficas, polo que permite, por exemplo, atopar tódolos topónimos rematados cunha secuencia determinada (en -iz, -obre, -ende ou -il) ou que comecen por unha cadea de texto concreto (por exemplo en Carball-ou en Vila-). Malia ser un elemento normalizador e normativizador da toponimia galega, deixa fóra a posibilidade de consultar nel a toponimia galega dos concellos limítrofes á Nacionalidade Histórica de fala galega.

O problema é que en moitos lugares, entre eles Betanzos, os nomes oficiais dos lugares esquivan ou evitan os topónimos tradicionais. Tal é o caso do Paseo de Bullas ou da Tolerancia, a praza de Henrique IV, entre outros. Custa entender que é parte do patrimonio, canda os vestixios ou monumentos, e que o feito de que un lugar se chame Barral é, ademais dun nome creado hai séculos, indica que houbo viñedos no lugar. Igual que un monte chamado Castelo di que houbo un castro ou unha torre ou que a Eira Vella está a falarnos de que foi un espazo agrario comunal. Entre outros moitos. Un patrimonio ao que, por descoñecemento, renunciamos como sociedade.