Os hórreos de Betanzos e a súas Mariñas

“Se nas Mariñas de Betanzos nasceu a nosa agricultura, como se ven decindo, ali debeu nascer tamén o noso hórreo”. A frase de Castelao evidencia o inmenso peso da agricultura na economía tradicional de Betanzos e As Mariñas desde ben antigo, con canto isto implicou ao longo dos séculos.

O hórreo galego non naceu en Betanzos, pois as súas orixes pérdense na noite dos tempos, con referentes castrexos e romanos. Mais non é menos certo que o hórreo é consubstancial á nosa cidade, ao punto de delimitarse o seu recinto amurallado en base, precisamente, a un vetusto hórreo, que xa era vello e referencial en 1219. A nosa comarca, de feito, dálle nome a un dos tipos tradicionais de hórreos que enchen o mapa galego, con case unha tipoloxía propia e típica por comarca. Toda unha riqueza patrimonial que, por desgraza, está á venda por cachos en internet, agora que quedaron sen uso.

Porque un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais, para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo Por iso se constrúe sobreelevado sobre pés, para así evitar a entrada de humidade e animais dende o chan permitindo, ao tempo, a ventilación a través de ranuras nas paredes que o compoñen.

Celeiros elevados, ao xeito dos hórreos, enchen o Vello Mundo desde hai séculos, para conservar o cereal. O hórreo especializouse e afastouse de todos eles para secar o millo, adaptándose do vello millo miúdo europeo para o maínzo americano, que exixía, debido á pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás. O vello horreum romano- celeiro ou almacén, sen máis- evolucionará no noso país para acoller o orxo e as mazás e noces para todo o inverno. Mais haberá que agardar, para ver a súa configuración, ás Cantigas de Santa María, onde aparece a primeira representación do que, fóra de toda dúbida, é xa un hórreo tal e como os coñecemos.

Será coa descuberta de América e o cultivo do millo americano cando se estenda o hórreo coa súa actual tipoloxía, pois a súa colleita tardía, con respecto aos tempos de trigo, centeo e orxo, exixirá poder secalo e curalo a xeito para transformalo en fariña impulsando o seu papel como novo alimento principal das clases traballadoras. Así as eiras comezarán a encherse de pequenos hórreos, e os patios de conventos e pazos de grandes celeiros ao longo do XVII. Nas Mariñas, o minifundismo extremo da veiga do Mandeo e do Mendo exixirá outra transformación, posto que non había, polo xeral, espazo para os hórreos, sacando agras comunais coma o Peirao ou A Galera, nacendo para secar tamén as mazarocas de maínzo o característico balcón corrido mariñán.

E así, na nosa comarca, aparecerán dous tipos ben definidos de hórreos tradicionais, sen contarmos como tal o balcón mariñán. É o noso contributo aos cerca de 30 000 hórreos que se estima que existen no país, e que están protexidos pola Lei de Patrimonio Cultural no caso de superar os 50 anos.

O máis recoñecido de todos eles é o hórreo mariñán.  Enteiramente de madeira, relativamente pequeno de tamaño comparado con outros, espigado, levantado sobre cepas ou patas independentes, armadas de tornarratos. Cuberto en tella do país e pintado, como eran os vellos balcóns mariñáns, xeralmente de verde ou granate, se acaso con adornos en branco, as cores da carpintería, os sobrantes de pintar tamén as lanchas e botes que enchían os peiraos. Esta tipoloxía esténdese polo curso baixo de Mendo e Mandeo, ata chegar ao mar, por ambas beiras.

A ela responde o hórreo da rúa Nova, da familia Ramos, documentado xa no século XVIII e o desaparecido conxunto de hórreos da Galera, substituídos por uns novos e desproporcionados. Poden rastrexarse polas Mariñas costeiras, ofrecendo preciosos conxuntos en Miodelo, á beira da estrada de Sada, chegando a tipoloxía case ás portas da Coruña, onde toma o relevo o hórreo de pedra estilo Visma, de semellanza xa cos da Costa da Morte. Mariñán sería, por forza, o famoso hórreo do mosteiro de Sobrado citado no privilexio real de traslado da cidade ao castro de Untia de 1219.

Esta tipoloxía evolúe, segundo se vai atopando coa montaña e o seu clima máis frío, no que din estilo Cabanas. Pouco a pouco as cepas mudan en base maciza, por veces aproveitada para outro almacén, e tornarratos corrido. A cuberta, onde a tella escasea, pasa a ser de pizarra, máis apta para as xiadas da montaña. Esta transición estilística pode seguirse doadamente seguindo, por exemplo, a DP-0905 desde Betanzos a Monfero, onde pouco a pouco vanse vendo a evolución de cepas, cubertas e mesmo doelas de pedra alternando coa madeira exclusiva do hórreo mariñán, nunha tipoloxía de hórreo que chega case ata Valdoviño, pola costa e o interior. A mesma evolución pode seguirse na N-VI desde Betanzos ata Aranga, onde tamén está o curioso hórreo de Fragachá, en Cambás, de catro claros con acceso central aberto, ao que se chega por un patín central, onde se atopan as portas das cámaras, cuberta a dúas augas e estrutura de cantería con paredes de madeira.

Betanzos ten, cando menos, outro hórreo doutra tipoloxía máis. Non é un hórreo autóctono e é puramente ornamental. Situado nos xardíns da parte nova do Pasatempo un hórreo enteiramente de granito e estilo Morrazo centra un dos parterres, erguido sobre os seus pés e tornarratos individuais e enreixado de canteiría. En todo caso, unha mostra máis dese patrimonio cultural do país, que moitas veces queda en segundo ou terceiro plano, detrás de grandes mosteiros ou pazos de renome.

Os hórreos son unha pegada do pasado, representan todo un mundo ligado á agricultura tradicional. Xa non almacenan gran ou colleitas, pero recollen e gardan toda esa memoria do país, nas súas case tre ducias de tipoloxías tradicionais. O eco do que fumos, necesario para entender o que somos.