Orgullo Galego chama a chiar #EuFaloGalego o Día das Letras Galegas ao mediodía

A plataforma online Orgullo Galego chama a convertir en trending topic na rede social twitter o galego o vindeiro 17 de maio. “Froito da situación na que nos atopamos e que provoca a imposibilidade de celebrar o 17 de maio nas rúas, desde Orgullo Galego vimos de impulsar unha pequena iniciativa que busca converter en tendencia mundial o cancelo #EuFaloGalego” explican.

Esta iniciativa conta co respaldo de diversas páxinas e perfís en galego e ademais a plataforma Queremos Galego fará parte da mesma xunto con outros cancelos como #QueremosGalego ou #PrecisamosDoGalego. Animamos a todo o tecido social do país a participar desta iniciativa.

“Desde Orgullo Galego buscamos visibilizar a nosa lingua nas redes sociais e especialmente entre a xente moza, mais tamén apostamos por un 17 de maio de loita e reivindicación, xa que a situación que vive o galego non é precisamente motivo de festexo” abundan. Así sinalan que “queremos combinar celebración e reivindicación, isto é, contamos cunha lingua viva e celebrámolo mais tamén somos conscientes da situación na que se atopa, atacada e discriminada en moitos ámbitos da vida, mesmo cun goberno da Xunta que converteu o galego nunha lingua residual no sistema educativo”.

“Loitamos para que o galego non sexa residual na prensa, televisión, radio, redes sociais, sistema xudicial, etc. para que as crianzas non deixen de falar galego cando chegan á escola ou para que milleiros de galegos e galegas non sufran calquera caso de discriminación por usar a lingua propia desta terra” abundan desde o colectivo.

Por todo isto, “chamamos a todos os galegos e galegas a que o domingo 17 de maio ás 12:00, chíen en Twitter co cancelo #EuFaloGalego até conseguir facelo tendencia mundial. Por suposto, tamén animamos a participar das convocatorias da plataforma Queremos Galego” engaden.