O tailandés Terrawoot Com-on gaña o Premio Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación

A sede da Fundación CIEC acolleu o fallo do xurado

O tailandés Terrawoot Com-on é o gañador do XIV Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da Deputación da Coruña. O xurado escolleu a súa obra “Happy wedding day in heaven” entre as 155 presentadas a esta nova edición do certame.

De Tailandia chegou a obra “happy wedding day in heaven” que un xurado composto por especialistas en arte como Rosario Sarmiento, Mercedes Rozas, María Meijide, Iñaki Martínez Antelo e Pedro Galilea, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria, escolleu como gañadora da XIV edición do Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da Deputación da Coruña.

O xurado, reunido na sede da Fundación CIEC en Betanzos, valorou na escolla da obra o “poder da súa imaxe, inquedante e moderna, retratando un mundo que nos traslada a outras realidades vencellando tradición e modernidade mediante unha lectura melancólica e irónica. Todo iso levado ao papel cunha salientábel destreza técnica e un exquisito manexo da cor, cheo de matices”.

Ademais do premio, o xurado concedeu dous accésits a Óscar Valero Sáez pola súa obra “Partitura para ser lida cos ollos pechados” e a Judith Martínez Estrada pola obra “The weight of light TV”. Fixo tamén mencións de honra a Saskia Rodríguez Araña pola súa obra “Liponimia” e a Watanai Magate por “Butterfly effect nº 1”.

A obra de “Terrawoot Com-on” impúxose nesta edición do certame nas 155 presentadas, procedentes de 28 países. O gañador recibirá un premio de 6.500,00 € ademais de converterse en protagonista dunha exposición na Fundación CIEC. Ademais concédense dous accésit que serán premiados cunha bolsa de matrícula dun módulo do Master de Obra gráfica impartido tamén na CIEC en Betanzos.