“O que arde” pasarase no Alfonsetti o día 31

Interior do Alfonsetti

O venres 31 de xaneiro o Cine Alfonsetti acollerá a proxección de “O que arde”, dentro dun ciclo dedicado á obra do seu director, Óliver Laxe. Comezará ás 20 h e será entrada gratuíta ata completar aforo. Ao remate haberá un coloquio cun dos seus protagonistas, Amador Arias.

O ciclo comezou o pasado día 24 coa proxección no cine Alfonsetti de “Mimosas” á que asistiu Felipe Laxe, productor do filme e irmán do director ao que se adica o monográfico, e continúa o 28 na sede de Lar de Unta coas proxeccións de “París#1” e “Salvaxe leva o seu tempo”, rodada no Chanfaina Lab de San Sadurniño. Nesta ocasión contarase coa presenza de Manolo González, un dos promotores do Novo Cinema Galego.

O día 30 de xaneiro, tamén no local social de Lar de Unta, proxectarase “Todos vós sodes capitáns”. A presentación será por conta de Brais Romero, da revista galega de cinema “A Cuarta Parede”.