O porto de Betanzos desaparecerá en 2100

Imaxe das inundacións na Ribeira

Que o cambio climático é unha evidencia xa non o nega nin aquel cuñado de M. Rajoy que cuestionaba as mudanzas climáticas no que algúns denominan xa era antropocena, pola influencia da actividade humana no planeta. Que se traduce, entre outras, no desxeo dos casquetes polares coa conseguinte suba no nivel do mar é algo ao que ata as administracións máis lentas comezaron a adaptarse con plans de zonas inundables.

Mais que non se contempla como algo próximo para o groso da poboación ou que se ven efectos lonxanos no tempo e no espazo é tamén unha obviedade. Unha aplicación ven advertirnos de como, se non muda o actual panorama, afectará no noso entorno esa suba do nivel do mar.

En Betanzos, por exemplo, desaparecerá boa parte do porto. É certo que o peirao está construído en zona de recheo tras canalizar o Mendo desde a Ponte Nova. Pero o mar, segundo os modelos de predicción, volverá reclamar o seu espazo. Anegará, ademais, o brazo morto do Mendo na Cangrexeira e boa parte de Sarra e case ata o Cepo da Velle, tragando boa parte do xuncal:

Xa no propio centro urbano de Betanzos, boa parte do Carregal, á beira do Mendo, será historia. En 2015 aínda o goberno local do PSOE descualificaba a PP e BNG por votar en contra dun plan xeral que, entre outras cousas, prevía construír nestas parcelas que en 2100 serán fondo mariño e que actualmente as normas da Xunta xa contemplan como zonas inundables nas que se desaconsella a construcción.

O mesmo acontecerá no Mandeo, entre a Eira Vella e o Xuncaliño, onde o recheo dos 90 previsiblemente desaparecerá para devolverlle o seu sitio ao Mandeo. Tamén aquí o PSOE prevía levantar bloques de pisos en chan que actualmente se anega.

E para desgusto da alcaldesa e do Ministerio de Fomento, o proxecto executado na pasada primavera non impedirá que o Malecón volva cubrirse de auga en varios puntos. Algo que mesmo agoiran os veciños máis escépticos que acontecerá con mareas vivas e un mes de temporal calquera inverno, a xulgar polas revisións e axustes que cada lúa chea e nova teñen que facer os técnicos no sistema instalado.

Peor parte levará o Pazo de Mariñán. Os modelos non prevén que as augas engulan a antiga fortaleza de Gómez Pérez das Mariñas, pero si boa parte do seu histórico e celebrado xardín. O seu peirao desaparecerá e as vellas salinas que tivo a ría, da que aínda quedan vestixios visitables na baixamar, quedarán definitivamente baixo a auga da ría.

Máis abaixo, a actual praia do Pedrido desaparecerá. A auga tragará a zona recreativa xunto ao areal, algunhas casas e até o peirao da vella pasaxe na banda de Paderne, de onde borrará para sempre os viveiros de ameixa e ostra que noutrora deran fama á ría.

Máis dramática será a situación en Miño e Sada. Este último municipio verá desaparecer peiraos, praias e recheo e as Brañas e o río Maior, previsiblemente, volverán ao seu espazo. En Miño, desaparecerá a aldea da Ponte do Porco, coa súa praia, como as padernesas da Xurela e a Abeleira.

A praia grande miñense quedará para as fotos históricas. A marisma tragará toda a estrada da praia e os cantís do Castro verán medrar varios metros, ata as casas, o nivel do mar. Boa parte da praia da Ribeira e a rada do porto serán, tamén, historia.

Un proxecto global de concienciación sobre a suba do nivel do mar

Estes modelos son unha previsión, en base a datos estatísticos e declaracións de inundabilidades, que fai unha fundación norteamericana a través do Climate Central’s Program on Sea Level Rise, un programa global sobre o aumento do nivel da mar.

Segundo explica a fundación promotora, o proxecto “esfórzase por proporcionar información precisa, clara e desmenuzada sobre o aumento do nivel do mar e os riscos de inundación costeira, tanto local como global, hoxe e mañá”.

“O programa dedica os seus esforzos para axudar aos cidadáns, as comunidades, as empresas, as organizacións e os gobernos en todos os niveis a comprender as consecuencias das diferentes vías de carbono e navegar polas augas cambiantes do noso mundo en quecemento” engaden. Pode consultarse calquera parte do planeta no seu web.