
Entroido de Samede. Foto do blog do Entroido de Samede
A comunidade Orgullo Galego organiza entre os vindeiros 16 e 20 de febreiro unhas xornadas online sobre os “Entroidos da Galiza”. “Aproveitando a situación de pandemia que provocou que este ano non poidamos celebralo nas rúas, desde Orgullo Galego buscamos aportar o noso pequeno gran de area e visibilizar 7 entroidos do noso país” destacan.
“Tamén queremos dinamizar o tecido cultural, o cal leva 1 ano moi danado, froito desta situación. A idea é repetir estas xornadas nos anos seguintes e con outros distintos” engaden desde o colectivo. “Ademáis queremos achegar as nosas tradicións nunha plataforma principalmente xuvenil e aínda con pouco contido en galego. Por suposto as xornadas son abertas para todo o público” remarcan.
A emisión destas xornadas serán na canle de Twitch da entidade. Para acceder non fai falta estar rexistrado e logo quedarán para visionado na canle de Youtube.
Programación: 20.45
Martes 16: Entroidos do Macizo Central: Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda
Mércores 17: Entroido de Samede
Xoves 18: Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba)
Venres 19: Merdeiros (Vigo)
Sabado 20: Entroido de Laza