O día 19 de decembro presentarase o libro Lareira de Soños

O día 19 de decembro ás 19:00 horas, a Asociación Lar de Unta de Betanzos acollerá a presentación do libro Lareira de soños de Pastora Verés. A publicación é o resultado dun traballo de investigación na parroquia do poeta Díaz Castro iniciado hai 6 anos coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas en 2014 ao poeta dos Vilares.

O libro inclúe tamén o DVD co documental Entrar aos Vilares (finalista da #12MICE) realizado por Cibrán Tenreiro. O resultado son máis de 250 páxinas nas que se da un repaso á história recente dunha parroquia chairega, ás experiencias vitais da propia autora e ás historias das súas xentes, persoas anónimas que cobran protagonismo nesta obra. Máis de 170 fotos recollidas polas casas, acompañadas dunha narración en primeira persoa que non deixa indiferente a ninguén nunha linguaxe entre xornalística e poética con un xeito único e persoal de narrar.

Na presentación, aplicaranse o aforo, distancias e medidas sanitarias do COVID dictadas polas autoridades.