O Concello convoca o concurso “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza” en torno ao Día das Letras Galegas

Carbalho Calero en Betanzos, na clausura dun curso de galego organizado pola A. C. Betanceira en 1985. Na foto, entre outros, Nacho Taibo, profesor do curso, Xulio Cuns, Alfredo Erias e Xesùs Torres. Foto da AC Eira Vella

O Concello bota a andar este 18 de maio o concurso en Instagram “Un maio de Letras Galegas para a lembranza” para celebrar as Letras Galegas e dinamizar o uso do galego nas redes sociais. Esta proposta do Concello encádrase dentro da programación dixital arredor do Día das Letras Galegas logo de que o tradicional programa das Letras Galegas tivese que adiarse ao mes de outubro pola situación actual.

A finalidade do concurso “Un maio de #letrasgalegasparaalembranza” é que as persoas participantes compartan nesta rede social entre o 18 e o 24 de maio imaxes que lles lembren a lingua galega, un sentimento, unha emoción, unha palabra ou un momento relacionado con ela, acompañadas dun pequeno texto explicativo en galego. Para poder participar no concurso, as fotos deberán ser públicas e levar os cancelos “letrasgalegasparaalembranza, #galego e #betanzos.

As bases recollen dous premios, un para a fotografía con máis “gústame” e outro para a fotografía con máis comentarios, que se poderán facer ata o 28 de maio. O día 29 o Concello difundirá nas súas redes sociais e na páxina web as fotografías gañadoras.

As bases completas do certame poden consultarse no web municipal.