O BNG propón dar o nome de Carlos López ao conservatorio

O BNG remitiu un comunicado na tarde de onte para difundir as propostas que ía presentar na comisión de cultura que tiña por cometido definir a homenaxe que o Concello ía tributar ao compositor Carlos López García-Picos, falecido o 24 de decembro. Os nacionalistas propoñen dar o seu nome ao conservatorio municipal, nomealo Fillo Predilecto de Betanzos e celebrar un concerto cunha selección das súas obras para gravalo e editalo coma libro-disco para difundir a súa figura e legado.

Os nacionalistas recordan que na anterior lexislatura presentaron unha moción para homenaxear en vida ao compositor. O que fora tenente alcalde do BNG, Andrés Otero Botana, recibiuno na Sala Capitular do Concello e entregoulle unha praca remitida desde o Centro Betanzos de Bos Aires, onde era moi querido. “Dous alcaldes- primeiro Manuel Lagares e logo María Faraldo- bloquearon o cumprimento dese acordo unánime da Corporación para tributar unha grande homenaxe en vida a Carlos López García-Picos” reprochan desde o BNG.