Nos TV e Club de Debate gañan o XI Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística da Deputación

Un xurado composto polo técnico de normalización da Universidade da Coruña, Xesús Manquel Mosquera Carregal, a técnica do Concello da Coruña, Julia Rigueiro, a profesora e gañadora da edición pasada por 21 Días co Galego Pilar Ponte e o xornalista Eduardo Rolland, representante do xornal Gciencia tamén gañador o ano anterior e presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño Filgueira e coa técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria, valoraron o traballo desenvolvido por Nós TV e o Club de Debate para a promoción da normalización lingüística da nosa lingua.

Desta maneira, Nós Televisión SL é a gañadora na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca no seu labor de normalización lingüística. O xurado valora, nun momento de especial relevancia do audiovisual, que Nós TV se sitúa “como a única canle en lingua galega xurdida da iniciativa privada, e que hoxe xa chega un número importante de fogares”. Destaca, tamén, “as súas posibilidades de continuar medrando e consolidándose, así como o feito de permanecer atenta e aberta para lles dar voz e espazo a multitude de colectivos, plataformas e movementos que a través da súa grella poden chegar a outros públicos e ver así aumentada a súa difusión”.

Na categoría de colectivo, entidade ou asociación que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade o premio recaeu no Club de Debate, representado polo Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, por “levar favorecendo durante unha década o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, por potenciar a lucidez comunicativa ligada á oratoria, por promover o pensamento crítico e analítico, á vez que o traballo en equipo, por fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións e crear espazos e contextos para a socialización en galego, entre outras, e tamén por ser o resultado dun traballo conxunto entre profesionais de distintos ámbitos (administración local, técnic@s de normalización lingüística e profesorado dos centros de ensino)”.

O Premio Rosalía de Castro recoñece iniciativas, traballos ou entidades comprometidas coa promoción e uso do galego en dúas categorías, unha para persoas e colectivos e outra específica para quen traballa coa dinamización da poboación de menor idade, infancia e mocidade.

En cada unha das categorías, os premios son de 3.000 euros e entre os criterios de valoración téñense en conta o traballo continuado a favor do uso do galego, actuacións concretas, campañas de promoción ou contribución á galeguización na categoría xeral e, na de poboación de menor idade valórase tamén as actuacións e traballo que teñan como obxectivo o fomento da transmisión interxeracional. Na anterior edición, gañaron o Rosalía de Castro o xornal de información científica Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego.