Mámoas, petróglifos e pedrafitas: tras os pasos de mouras e xigantes polas Mariñas

A pedrafita de San Antón e ao fondo o campo de mámoas da necrópole

A comarca das Mariñas, como parte do golfo Ártabro, leva poboada milleiros de anos. A presenza humana ten modelado e transformado a paisaxe e deixado pegadas que suman centurias e mesmo milleiros de anos, desde o gótico brigantino a estruturas que decote pasan máis desapercibidas polo seu aparente deterioro, abandono ou camuflaxe no entorno, como as ducias de pegadas megalíticas que atesoura, e na súa maior parte descoñece, a nosa comarca. E xa estaban alí cando, séculos despois, comezaron a construírse os castros, agras, castelos e croas que existen por ducias na comarca, ou existiron e aínda deixaron pegada na toponimia.

Rascar a superficie para atopar evidencias baixo a doutrina de Martiño de Dumio

San Martiño de Dumio entendeu rapidamente aquel aforismo de “se non podes co inimigo, únete a el”. O apóstolo dos suevos, tratando de facer avanzar o cristianismo no primeiro reino europeo xurdido do colapso do Imperio Romano, o galego nada menos, percatouse da persistencia das crenzas anteriores aos romanos. Así que no seu De correctione rusticorum optou por recomendar que se derrubase o menor número posible de lugares pagáns e que sobre eles se puxeran reliquias para reciclar os lugares de culto para o seu Evanxeo.

O santo deixou outra pista importante da antiga división do país ao compor o seu Parochiale suevorum, que aproveitou coa mesma filosofía a distribución da poboación e aínda hoxe, con matices, dá a planta das parroquias do país.

Rascando esta pequena pátina de verniz que deixou o bispo, aínda están a flor de pel os vestixios megalíticos da comarca, só hai que prestarlles atención.

Das pisadas de Roldán aos petróglifos do Monte do Gato

A actual capela dedicada a San Vitorio de Cambás construíuse sobre un campo de mámoas na Serra das Medoñas- que xa dá idea co seu nome do que atesoura- o que xa dá idea do especial do emprazamento. A uns metros da capela está a Pena de Roldán, e nela poden verse as pegadas que deixaron o cabalo e o heroe Roldán, un dos Doce Pares de Francia, sobriño e cabaleiro de Carlomagno.

Roldán, no imaxinario popular galego, é un xigante, e xigantescas son as pegadas dos seus pés. Cando pasou por Aranga ía perseguindo a dúas irmás mouras (míticas) e como non puido collelas, botoulles unha maldición que as petrificou no lugar chamado Penas de Entrámbalas Irmás. Parece que unhas das pedras que representaban as mouras foi destruída pero a outra segue alí. Petróglifos, mámoas e lendas de mouras xuntos.

Apenas a uns quilómetros, o Monte do Gato atesoura numerosas mámoas e petroglifos da Idade de Bronce. Este monte é o límite natural entre os Concellos de Aranga, Coirós e Oza dos Ríos.

A Moura da Pena Furada e o Ídolo de Paderne, o culto á fertilidade

A moura de Pena Furada

A uns quilómetros da necrópole do monte do Gato está a Pena Furada, na parroquia de Santa Mariña de Lesa, nun outeiro a 280 metros entre os ríos Mandeo e Mendo. Conta cunhas extraordinarias vistas e cunha destacada incidencia da luz solar. Seguindo as indicacións de Martiño de Dumio, o santuario foi cristianizado a través da igrexa de Santa Mariña de Lesa, moi preto do lugar, a uns 800 metros, e tamén orientada estratexicamente.

Non se sabe exactamente de cando data a Moura, a figura central do complexo. O santuario rupestre está delimitado con muros perimetrais, destaca como elemento principal a presenza da Moura, un petróglifo antropomorfo que representa una figura feminina dotada de volume e na que destaca fundamentalmente a súa vulva. A figura está orientada ó oeste, polo que ó mediodía é cando mellor se pode apreciar, quedando case oculta ó atardecer.

Polas súas características, crese que podería representar a fertilización no mundo simbólico da Idade de Ferro e máis concretamente podería estar relacionada coa deusa Navia. A carón da Moura atopamos unha pía cuadrangular para a realización de ofrendas. Se coñecemos todo isto débese ao empeño do arqueólogo de Coirós Antón Malde, que xunto co seu equipo documentou e realizou varias prospeccións para describir o santuario.

Da outra banda do Mandeo, en 1964 foi identificado en Paderne un ídolo fálico supostamente céltico labrado en granito e de máis de medio metro de altura. A escultura representa unha figura antropomorfa con caxato na man dereita e está envolto nunha túnica, truncada baixo os xeonllos. Na parte superior da cabeza representa unha coviña para a práctica ritual. Considérase que, pola súa configuración, pode estar relacionada con prácticas relixiosas favorecedoras da fertilidade. Non está na comarca, senón que para velo hai que ir ao Museo Arqueolóxico da Coruña.

Outros montes sacros: Santa Baia de Espenuca, Santa Marta de Babío, San Antón

O da Pena Furada, o do Gato e o das Medorras non son casos únicos. A nosa comarca conta, cando menos, con outros tres montes considerados sacros desde as Idades do Ferro e o Bronce. Todos eles, por descontado, contan con igrexa- románica no máis dos casos- para aproveitar as crenzas e devocións anteriores á cristianización, como recomendou o Dumiense.

É o caso de Espenuca, monte con punto xeodésico e enerxía telúrica aproveitada moito antes de que, no século IX, se fundase alí o mosteiro de Santa Baia. Próbano a estela funeraria, tégulas, muíños de man e soterramentos antropomorfos no chan, mais tamén o propio topónimo, spelunca, que fala das grutas e cavorcos empregados nas relixións panteístas precristiáns. Unha lenda atribúelle a fundación do mosteiro a un cabaleiro que fundou varios nos picos máis elevados da comarca, como outro cenobio que debeu existir en Babío. Alí queda aínda a romaría con tradicións que evocan cultos pretérritos, noutro punto xeodésico.

Outro monte sacro é o de San Antón, en Mántaras, Irixoa. Xunto á capela románica de San Cosme no alto do monte está a necrópole do mesmo nome e estaba unha carballeira que acollía outra romaría con ritos que nada teñen que ver co catecismo cristián.

A pedrafita de San Antón

Quedamos en Mántaras un pedazo. Entre o campo de medorras está o único menhir da comarca. Hai que saber ben que buscamos porque a pedrafita está rodeada de arames, convertida nun poste máis para separar o gando. Leva aí milleiros de anos, chantada no medio do campo de mámoas, convertida agora nunha metáfora do estado en que este patrimonio se atopa.

O menhir de Irixoa mesmo pode ser parte dunha especie de calendario megalítico, como amosa amarcaxe solsticial de Invernía:

Hai máis menhires na comarca. Non hai que buscar o seu significado bretón “men ‘pedra’, hir ‘longa’), senón máis ben a súa acepción latina ((petra ficta, pedra fita, chantada). Están documentados varios menhires en Présaras, en Vilasantar, xa por Vicetto, se ben Luis Monteagudo no Anuario Brigantino cre que sexa xa un cipo, non un menhir propiamente, e por tanto, xa netamente romano.

Si era unha pedrafita a chamada Marco de Presedo, no lugar da Bouza Nova de 1,6 metros de alto e forma apuntada de coira, que fixo marco algunha vez da linde da provincia de Betanzos coa de Coruña.

A Moura constructora de medorras

Unha lenda común a todo o arco atlántico europeo é a Moura, a constructora de megalitos, a que sae aos camiños na madrugada de San Xoán co peine de ouro a engaiolar cabaleiros para romper un maleficio. Os mouros como poboadores míticos do inframundo ao que se accede polos castros, con trabes de ouro e alcatrán.

A Moura “é a Deusa Nai mesma, nova e vella, virxe e nai, raíña e campesiña, é a encarnación da Terra e do País, a Soberanía que escolle un marido apropiado. A Moura fiel que acode ano tras ano á mesma fonte, á mesma pedra, á mesma encrucillada, e aínda á mesma ponte, en busca do home capaz de superar con éxito unha proba, unha elección encuberta entre ela e o fabuloso tesouro que amosa como engado. A Moura é a Grande Raíña (Rhiannon/Epona/Iccona) que na súa cita anual agarda ó xeneroso esposo merecedor de ser transportado ó Alén para compartir con ela o seu amor e os seus tesouros” sostén André Pena Graña no Anuario Brigantino, no que Fernando Alonso Romero repasa a tradición da “Moura constructora de megálitos” na Beira Atlántica relacionando a presenza destes e a lenda dela.

Coas indicacións do Dumiense, a Moura será substituída pola Virxe María, a nai do único deus, nun proceso de asimilación de cultos. A nosa Moura da Pena Furada pasará a ser así a Santa Mariña de Lesa e a pretérita divinidade de Espenuca a Nosa Señora dos Remedios, entre moitos exemplos.

Pero quedémonos co seu papel de constructora de megalitos. Xabier Moure recolle en O noso patrimonio a listaxe de mámoas documentadas por concellos, que ascende a varios centenares na nosa comarca.

Entre elas, mámoas estragadas, como as do Galiñeiro (Os Caínzos-Cambás), unha necrópole formada por 10 túmulos. As roturacións do monte no ano 2000 afectaron gravemente á necrópole. En Montesalgueiro dous túmulos máis desapareceron ao contruír a estrada. Outro camiño e un valado estragaron en Coirós a das Revoltas Longas.

No monte de Santo Antón, en Irixoa, hai ata 22 mámoas documentadas, cun diámetro que oscila entre os 24 e 12 metros, e unha altura entre 2 e 0,50 metros. Todas presentan cráter de violación, algunhas con coiraza e restos de cámara e afectadas polos labores agrícolas e gandeiros. Un dos túmulos está atravesado por un peche con postes de madeira e arame.

Suponse que aínda houbo moitas máis, xa que hai numerosos topónimos que fan referencia a estas construccións, como os lugares paderneses de A Medoña (Areas), As Medorras (Adragonte), As Medorras (A Esperela-Vigo), As Mámoas (Montecelo-As Viñas) ou As Medorras (San Pedro-Obre). Moitos destes enclaves e necrópoles foron documentados e analizados polo grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos e no Anuario Brigantino.

 

O deterioro do patrimonio: eucalipto, abandono, ignorancia

De vello, as mámoas foron asaltadas en busca de tesouros, ben dos defuntos, ou ben das lendas de mouras. Mais non foi a única agresión que tiveron que soportar. Actualmente, o maior perigo é a industria do eucalipto, que pasa por riba de todo tipo de consideracións. Mais non só…

No castro de Casal do Mouro, na antiga sé episcopal de Lambraica, actual Ambroa, nos anos 30 apareceu unha mámoa durante os traballos de construción da central hidroeléctrica. En Ambroa Vales Villamarín documentou no lugar da Torre un”dolmen con insculturas policromadas: está xa destruído”. Era 1936. Outro do lugar de Arcas tiña “figuras rupestres (caballo y carnero) en la Pena da Pomba deshecha por los obreros al construir el canal” da estación hidroeléctrica do lugar sobre o Lambre.  A mámoa acabou reducida a escombro para alicerzar presa e canle, segundo recorda Antonio Río López no Anuario Brigantino.

En Miño, as mámoas da Fraga ou de Vilanova (Entre Vilanova e Perbes sucumbiron á burbulla inmobiliaria. Situadas entre o río Vidreiro e unha fraga, a construcción de Costa Miño Golf supuxo que unha delas fose totalmente arrasada, mentres que en 2015 o actual goberno local desbrozou os túmulos con maquinaria pesada sen autorización de Patrimonio e as medorras subsisten baixo a broza.

Outro tanto acontece en Oza coas mámoas do Monte do Gato: en ano 2002, o arqueólogo Antón Fernández Malde denunciou a agresión a varias mámoas da necrópole, onde estaba mesmo botándose lixo por parte do COncello. No mes de abril de 2016, Luis S. Seoane denunciou a agresión a dúas mámoas durante a tala de eucaliptos realizada con maquinaria pesada. Sobre unha das mámoas mesmo pasaron unha desbrozadora de cadeas, afectando gravemente á masa tumular. As denuncias diante do Concello e de Patrimonio non lograron para estas agresións. Paderne mesmo fixo desaparecer o catálogo do PXOM no que estaban inventariadas parte das mámoas do municipio.

Non foi o único caso. Vales Villamarín recolle como o chamado Marco de Monte Medela, en Cesursa, outra medorra, foi demolida para empregar unha das laxes como altar. Esta mámoa estaba asociada a lendas da mitoloxía galega como o nubeiro, o tronante e xenios maléficos. E a pedrafita de Irixoa está degradada a un vulgar marco entre fincas.

Ningún concello garante a protección efectiva destes monumentos funerarios con milleiros de anos. Sequera están sinalizadas para tratar, minimamente, de sacar partido a este patrimonio único, ignorado e en declive. O pouco que está posto en valor- como a Pena Furada- débese a iniciativas particulares.