“Lúas de Outono” homenaxea Manuel María como impulsor da Nova Canción Galega

Cumpridos os cincuenta anos do nacemento da Nova Canción Galega, a Fundación Manuel María celebra a XI Lúas de Outono lembrando o relevante papel do poeta no impulso do movemento musical na nosa lingua que naceu nos fins dos anos sesenta. O único membro de Voces Ceibes en activo, Miro Casabella, cantará no espectáculo en que tamén participará Uxía, acompañada de Santi Cribeiro e Sergio Tannus, e o grupo Molime. Será o día 25 de setembro ás 20.30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña con entrada de balde e estará conducido por Xurxo Souto.

A presidenta e o secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede, o responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, o concelleiro de Cultura da Coruña, Jesús Celemín e o escritor, músico e comunicador, Xurxo Souto, participaron no acto de presentación das XI Lúas de Outono, a homenaxe anual a Manuel María, que este ano destaca a súa vinculación coa Nova Canción Galega do que se veñen de cumprir cincuenta anos.

A cita será o vindeiro mércores día 25 no Teatro Rosalía de Castro e contará coa participación de Miro Casabella, o único músico que continúa nos escenarios dos que participaron no concerto inaugural de 1968 ademais de, como explicou o secretario da Fundación, unha das principais voces da seguinte xeración, Uxía, que estará acompañada de Sergio Tannus e Santi Cribeiro e un grupo de máis nova creación como é Molime.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto lembrou que a homenaxe responde á propia traxectoria do poeta, o segundo máis musicado da cultura galega, despois da fundadora Rosalía de Castro. “Fuxan os Ventos, Uxía, María Manuela, Roi Casal, Mini e Mero, Xardín Desordenado, Na Virada, Susana Seivane ou Suso Vaamonde son algunhas das voces que interpretaron musicalmente poemas do escritor”, sinalou nunha intervención que destacou tamén outra súa vinculada coa música, a de “impulsor da Nova Canción Galega, do seu activismo naquel tempo en que agromaba a enerxía para romper o silencio e erguer a voz propia na nosa lingua”, destacou Xurxo Couto que recoñeceu tamén o labor da Fundación Manuel María á hora de “difundir a grandeza da obra do escritor e a súa traxectoria de compromiso co noso país, a nosa cultura e a nosa lingua”.

Pola súa parte, o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, afirmou que a homenaxe non é “un recordo nostálxico dun amigo perdido senón que queremos que sirva para difundir a súa obra e os valores, o compromiso ético e cívico e o activismo cultural que defendía e practicaba”.

Destacou Ansede que esta nova edición da lembranza anual a Manuel María na cidade que elixiu para vivir os seus últimos anos será “unha maneira de conmemorar un feito histórico no que el contribuíu grandemente que é a aparición da Nova Canción Galega que se presenta Sala Capitol de Santiago en 1968, do que el foi presentador e autor de moitas das letras das cancións interpretadas ademais de contribuír a difundir a través do selo Edhisa Xistral”.

“A súa obra está posta ao servizo do país e rachou con todo para facer unha canción plena, dedicada á terra galega que aínda continúa”, apuntou Xurxo Souto, que presentará o espectáculo do día 25. A presidenta da Fundación, Saleta Goi agradeceu a colaboración de artistas e institucións na homenaxe e animou a participar nesta conmemoración que desta volta xuntará tres xeracións da historia da música galega. A entrada será de balde até completar o aforo.