Lendas de Betanzos: o Cristo dos Mareantes

A talla gótica do Cristo dos Mareantes nun desfile da Semana Santa

Estamos xa en plena Semana Santa. Hoxe, Xoves Santo, a remozada procesión do Santo Encontro, evolucionada a partir do Vía Crucis co Nazareno que partía hai dúas décadas de Santa María do Azougue, atravesará con tambores e timbais o corazón da cidade antiga, con imaxes que acumulan séculos nalgúns casos, cada unha coas súas historias e devocións particulares.

Tal vez a imaxe de madeira máis antiga que conserva a cidade sexa unha das que o Xoves Santo fan parte da procesión do Santo Encontro. Consérvase en Santa María do Azougue, onde preside, entre penumbras, o baptisterio, que con pezas das máis diversas procedencias compón unha xoia do gótico galego. Empeza a relación o propio templo, coas súas características columnas inclinadas, e proseguen os arcos que encadran o recanto, procedentes do demolido claustro do mosteiro de San Francisco.

Céntrao e dálle nome a pía bautismal, de granito branco ricamente labrado, procedente do claustro do Hospital de San Antonio, onde facía as veces de lavadoiro. Chegou alí non se sabe de onde, porque é de labra anterior ao edificio barroco. E presídea, silenciosamente, unha talla que a lenda quere que aparecese aboiando na ría.

O Cristo da Misericordia é unha talla que tira á imaxinería gótica, datada por expertos no século XVI. Era propiedade do gremio de mariñeiros da Ribeira, cuxa confraría, a de San Miguel, tiña sé precisamente na igrexa do Azougue.

A este gremio débenselle, ademais, a talla do arcanxo patrono e mais a do Cristo da Flaxelación, que tamén sae no desfile procesional. Esta talla foi imposta ao gremio na organización da Semana Santa que o Concello acomete en 1701 en detrimento do Corpus, para facer desaparecer os elementos pagáns que esta festa aínda conservaba, entre eles as danzas gremiais, os gamachiños ou a coca.

Aboiando na ría

A talla que nos ocupa está relacionada, cando menos, con dúas lendas. A primeira, fala da súa orixe. Cóntase que nalgún momento, cando Betanzos aínda era porto de mar e o de mareantes era un dos gremios máis poderosos da cidade, apareceu na ría este Cristo gótico.

Os mariñeiros retiraron a imaxe das augas e trasladárona á igrexa na que tiña sé a súa Corporación. E desde ese momento, sen data remotamente ubicada no tempo, permanece no templo. Amosa ao Cristo crucificado, pero aínda non morto.

Sendo a máis antiga das imaxes da cidade, sae en procesión de carambola. A confraría da Semana Santa pretendeu en 2011 procesionar co Cristo da Boa Morte, de factura moito máis recente, que preside o altar maior de San Francisco.

O seu empeño bateu coa realidade: a talla non collía pola porta do templo. Como non puideron retiralo do seu emprazamento optaron por sacar o crucifixo medieval do Azougue. Desde entón sae cada Xoves Santo desde a oxival franciscana porque o seu templo orixinal non permite montar o paso debido ás súas dimensións.

Cristo dos Corenta Credos, a devoción popular galega

A segunda lenda ten a ver co seu alcume, pois a este Cristo tamén lle chamaron “o dos 40 credos” polo costume de irlle rezar cada día durante 40, sumando un credo en cada xornada. Mesmo se ten documentado outro ciclo doutros 40 días en orde decrecente.