Lanzan un proxecto cooperativo para crear unha obra de arte sobre os García Naveira

A estatua da Caridade aínda ocupa o seu lugar orixinal no Carregal

A asociación Concomitentes, co apoio e impulso das Asociación Amigas del Parque del Pasatiempo, ACLP Roxin Roxal e a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, así como a colaboración do Concello de Betanzos, lanza un proceso participativo co que pensar de xeito colectivo o encargo da produción dunha obra de arte contemporánea. A partires de outubro de 2019 e ata o 2021 terá lugar un proxecto de intervención artística que procura que a sociedade civil se convirta en promotora cidadá dunha obra de arte.

A iniciativa pretende abrir un proceso participativo no que a veciñanza poida pedir unha obra de arte a un artista de renome internacional, que se escollerá tras o proceso participativo que terá lugar nos próximos meses. A proposta de intervención artéllase en torno ao legado dos irmáns García Naveira, como exponentes da migración galega e grandes filántropos. A pregunta da que parte o proxecto é que supón para o conxunto dos veciños ese legado, de aí que a obra de arte pode abordar cuestións como a filantropía, o retorno, o lecer, o patrimonio, as migracións ou o coñecemento enciclopédico.

O proceso participativo comeza en outubro e faino coa “Xornada Aberta Arte e Participación” coa que pretendemos achegarnos aos marcos teóricos e prácticos sobre os que pivotará o proxecto. Esta primeira xornada celebrarase no Salón Azul do Liceo o venres 11 de outubro ás outo do serán, contando coa participación de Comba Campoy, quen conducirá a sesión. Comba é actriz, xornalista e doutora en comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. O seu ámbito de investigación transita en torno a subalternidade e o análise do discurso.

Como relatores estarán Fran Quiroga, Mediador en Concomitentes. Investigador transdisciplinar, que dirixu investigacións como Ruraldecolonizado ou Fiestas Raras, quen nos explicará os modos de participación no proceso, e os obxectivos deste pioneiro proxecto. Con Pilar Cagiao, Doutora en historia e Profesora Titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela, abordaremos a legado indiano en Galicia, así como exploraremos o potencial que supuxo este feito no Pais.

Co coordinador de exposicions e do Laboratorio 987 do MUSAC (Museo de Arte Contemporánea de Castilla León), Eneas Bernal atenderemos a procesos artísticos nos que a cidadanía está no centro, atendendo a importancia do proceso e a incertidume como xeito de vivir estes proxectos. E coa doutora en antropoloxía pola Universidade de Pennsylvania e actualmente científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) del CSIC, Cristina Sánchez Carretero, analizaremos os conflictos entre patrimonio e sociedade, e a necesidade de implementar métodos participativos na custodia do patrimonio

Esta xornada está aberta á participación e é a primeira das que terán lugar ata o mes de xaneiro. En novembro, o 16 de novembro terá lugar unha xornada camiñada, coa que iremos dialogando mentres percorremos espazos como o Lavadoiro ou o propio Parque do Pasatempo.

Este pioneiro proxecto nace da man de Concomitentes, asociación que promove un programa de produción de obras de arte encargadas dende a cidadanía. Este programa subraia a importancia da arte na vida social. Grazas ao xeneroso apoio e impulso da Fundación Daniel y Nina Carasso, Concomitentes arranca no Estado cun sólido proxecto piloto, no que terán lugar proxectos en Catalunya, Canarias e Madrid, ademais do de Betanzos.

Concomitentes é a versión española do programa francés Nouveaux Commanditaires. En 1990 o artista François Hers sentou as bases deste programa coa redacción dun protocolo, no que perfilou os termos desta metodoloxía, coa que a sociedade civil pode convertirse en comitentes [o grupo de promotores] dunha obra dun artista.