Gómez Pérez das Mariñas, o betanceiro que fundou a décima cidade de Filipinas

Gómez Pérez I das Mariñas foi o fundador do que hoxe é o Pazo de Mariñán

Dasmarinas é unha cidade filipina da provincia de Cavite. Probablemente poucos dos seus medio millón longo de habitantes saiban que a orixe da décima cidade do país ten orixe nas Mariñas de Betanzos. A cidade foi fundada por Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, o cuarto dunha saga de nobres con casa matriz en Betanzos e protagonistas do devir da súa historia desde a Baixa Idade Media.

A saga arrinca co primeiro cabaleiro deste nome, Gómez Pérez das Mariñas, un home de grande trascendencia no reinado de Xoán II. Este rei cederalle, o 18 de agosto de 1452, a fortaleza de Cillobre, no actual municipio da Laracha. Posteriormente, entrará ao servizo de Henrique IV, baixo cuxo pendón defenderá a cidade da Coruña contra o conde de Benavente. En pago aos gastos ocasionados pola defensa da cidade, o rei concederalle en 1467 a propiedade dunhas casas na Coruña.

Entretanto, asentará o morgado da súa estirpe nunha fortaleza ubicada a carón da ría de Betanzos que aparece, neses primeiros documentos, como o castelo ou fortaleza de Bergondo e que servirá, entre outras cousas, para gardar o tránsito marítimo cara a cidade de Betanzos a través dos coutos da súa casa. Hoxe esa fortaleza non é outra que o pazo de Mariñán.

Posteriormente, acudirá ao chamado de Pedro Madruga en 1469 para loitaren contra os irmandiños. Tras poñer fin á revolución irmandiña, participará canda Lope Sánchez de Moscoso, Diego de Andrade, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos, na batalla de Altamira nas inmediacións daquela derruída fortaleza da mitra compostelá, onde a nobreza pretendía evitar que o arcebispo Fonseca puidese impedir a reconstrucción daquela torre, capital dos estados dos Moscoso, en detrimento do seu castelo da Rocha Forte. Tras esta victoria, axudará tamén a devolver a fortaleza de Vimianzo ao de Moscoso, levantándolle á mitra a fortaleza de Mesía que o arcebispado lle arrebatara.

Mediante unha das súas tres fillas, María das Mariñas, entroncará coa casa de Andrade tras desposarse con Diego de Andrade, O Mozo. Testou o 4 de novembro de 1474 na Coruña, deixando disposto que fose enterrado na igrexa do convento de San Domingos de dita cidade. Outra das súas fillas, Constanza das Mariñas, casará co señor de Parga Fernán Pérez Parragués e dará lugar á sucesión na casa das Mariñas.

Gómez Pérez das Mariñas II foi abade do mosteiro de San Salvador de Bergondo

Dese enlace nacerá Gómez Pérez das Mariñas II. Foi abade do mosteiro de San Salvador de Bergondo e tomou posesión da sinecura de Vilaño en 1489.

O terceiro do seu nome será o seu sobriño Gómez Pérez das Mariñas, fillo de Ares Pardo das Mariñas, señor de Parga e Cillobre, e de Tareixa de Vázquez, señora da Pobra do Caramiñal e polo tanto bisneto de Gómez Pérez das Mariñas. Será gobernador de Betanzos, rexedor de Santiago de Compostela e da Coruña e elevará a categoría de vila á Pobra do Caramiñal, cuxo señorío herdara da súa nai.

Estará presente na batalla de San Quintín en 1557 e en pago obterá de Filipe II diversos méritos como o de ser nomeado cabaleiro da orde de Santiago. Casou con Xoana de Matienza coa que tivo un fillo, Diego das Mariñas, señor de Parga e Xunqueiras. Finou despois do 31 de xullo de 1575, data do último documento no que é nomeado.

O seu neto Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, será gobernador das Filipinas, onde fundará a cidade de Dasmariñas. Berenguela das Mariñas, a súa nai, transmitiralle os dereitos e apelido da súa casa e gobernará, por orde do rei Filipe II, como correxidor as cidades de Cartagena, Lorca e Murcia, tras dirixir o goberno da cidade de León.

No ano 1589, e en compensación aos seus servizos, recibe do Rei o hábito da Orde de Santiago e o nomeamento como Capitán Xeral das Illas Filipinas. Alí construirá as murallas da capital Manila, reconstruirá o Forte Santiago, iniciará as obras da súa catedral e fundará a cidade de Dasmariñas, a 24 quilómetros da capital.

Pioneiro como diplomático, será o primeiro gobernador español en establecer contactos co Xapón, e potenciando as relacións comerciais coa China. Acabará asasinado no seu buque “La Capitana” cando partía á conquista das Molucas.

Por descontado, máis unha vez, ningún destes relevantes cabaleiros son recordados no rueiro ou nos espazos de honras públicas de Betanzos. Nin sequera nomeados nas escenificacións da Feira Franca Medieval.