“Ese maravilloso desconocido llamado árbol”,o venres en Biblos

O magnolio centenario da praza de Lanzós vese desde a vitrina da Libraría Biblos

Este venres a Libraría Biblos propón facer unha reflexión sobre as árbores. No seu salón de actos estará Mónica Maceiras, que falará sobre “Ese maravilloso desconocido llamado árbol”. Trátase dunha charla pensada para persoas que aman a natureza.

Mónica Maceiras Rioboó é enxeñeira Técnica Agrícola na especialidade de Xardinería e Arboricultura. Leva máis de 25 años dedicada a coidar xardíns e árbores e dende a fascinación por eles impartirá unha charla que leva por título “Ese maravilloso desconocido llamado árbol”.

Se por intelixencia entendemos a capacidade de resolver problemas, da súa man descubriremos que as árbores non só son intelixentes, senón que ademais saben comunicarse de xeitos moi diferentes, que son seres sensibles e perfectos modelos de sostenibilidade.

Por motivos de calendario, queda adiada ata o mes de marzo a visita de Lola Rontano para falar da súa novela “Austroatlántica”, gañadora do XXX Premio Torrente Ballester de Narrativa.