Empresas culturais e artistas terán até o día 31 de xullo para presentar proxectos ás dúas liñas de axuda da Deputación

O deputado de cultura, o nacionalista Xurxo Couto e a de igualdade, Maria Muíño. Imaxe de arquivo.

Artistas e empresas culturais terán até o día 31 de xullo ás 14:00 horas para presentarse ás dúas liñas que convoca a Área de Cultura da Deputación da Coruña cunha dotación de 400.000 €. As dúas convocatorias queren apoiar o sector cultural privado para o desenvolvemento e difusión dos seus proxectos, unha para iniciativas singulares de especial interese e outra para o apoio á distribución de audiovisuais en lingua galega.

Co fin de apoiar o traballo desenvolvido por artistas e empresas, a área de Cultura da Deputación da Coruña convocan dúas liñas que nesta nova edición modifican as súas bases polos efectos producidos pola pandemia.

Neste sentido, entre outras modificacións, o prazo de realización das iniciativas amplíase ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo de 2021 e para os proxectos que reciban subvencións superiores aos 10.000 euros, contémplase o pagamento en dous prazos. A convocatoria de proxectos singulares está dotada con 275.000 € que se distribuirán en achegas que van desde 4.500 € a 30.000 €, o 80% dos gastos subvencionábeis.

“Somos conscientes dos grandes prexuízos que o coronavirus provocou no sector cultural e agardamos que esta liña destinada a apoiar producións singulares poida contribuír a que se desenvolvan algunhas iniciativas de especial interese que se viron afectadas pola situación”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Ademais, a Área de Cultura da Deputación da Coruña promove tamén o apoio a empresas audiovisuais para a distribución, comercialización e exhibición en lingua galega para o que destina un orzamento de 125.000 € que se repartirán en axudas de 5.000 a 30.000 €.

O obxectivo da liña de axudas é axudar a garantir o acceso a filmes, documentais e películas en lingua galega, recoñecendo a importancia estratéxica do sector audiovisual na creación cultural e tamén na normalización da lingua.

“O sector botaba en falta estas axudas á distribución, existen convocatorias públicas para apoiar a produción mais non para facilitar a difusión dos proxectos audiovisuais ao público co cal esta convocatoria foi moi ben recibida e contribúe a achegar a creación ao público”, sinala Xurxo Couto que destaca tamén o alto nivel do sector galego mais tamén as dificultades que atopa na súa difusión.

Tamén pola situación creada polo coronavirus, permitirase a realización das estreas dos filmes de xeito telemático a través da súa difusión en plataformas de distribución dixital mediante descarga ou transmisión no caso de que, a causa da pandemia, non se puideran realizar presencialmente.