De ruta polos castelos das Mariñas dos Condes

A comarca das Mariñas dividiuse historicamente en dúas metades, as Mariñas dos Condes, en referencia ás casas asentadas no entorno de Betanzos e cara o Eume, coa poderosa familia Andrade á cabeza, e as Mariñas dos Frades, o territorio máis cara o interior, nos actuais municipios de Oza e Abegondo cara os de Culleredo e Cambre, caracterizados pola presenza de cenobios e propiedades do clero regular.

Mais a pesar de ser terra de condes, tampouco é que haxa, a diferencia doutras comarcas ou de terras baixo o morgado da Casa de Andrade, icónicos castelos na nosa comarca. O que non quere dicir que os haxa, ou que os houbese no pasado. O protagonismo irmandiño da entón vila de Betanzos explica doadamente como desapareceron moitos deles, derrocados e demoucados pola Revolución Irmandiña. Outros mutaron a pazos. E outros brotaron posteriormente, para gardar a ría, aínda que se perdesen. Neste roteiro polas Mariñas visitaremos algúns deles.

Fontán e punta Corbeiroa, a garda da ría

Castelo de Fontán. Patrimonio Galego

Aínda a día de hoxe Sada ten no seu escudo municipal dous castelos. Non foron de torres almenadas como aparecen no brasón, senón dúas baterías defensivas do século XVIII. Eran parte da defensa da Coruña e mais dunha fábrica de lonas emprazada en Sada, mais gardaban un flanco da ría betanceira.  O primeiro deles, ubicado nun promontorio a carón do actual barrio de Fontán, domina a entrada na ensenada sadense.

Máis cara o interior, case en Gandarío, o de punta Corbeiroa, recentemente rehabilitado, era o seu xemelgo, e co fogo cruzado de ambos poñían defensa á vila sadense. Hoxendía, son dúas ruínas visitables.

Mariñán, a torre dos Pérez das Mariñas que deviu no Versalles galego

Pazo de Mariñán, unha atracción turística da Deputación na nosa comarca

Unha torre chamada castelo ou fortaleza de Bergondo gardaba a ría de Betanzos na baixa Idade Media. Sobre ela Gómez Pérez das Mariñas fundou o morgado da súa casa, que logo entroncaría cos Andrade. A tal fortaleza  servirá, entre outras cousas, para gardar o tránsito marítimo cara a cidade de Betanzos a través dos coutos da súa casa. Hoxe esa fortaleza non é outra que o pazo de Mariñán, transmutado en icónica casa solariega cun xardín trazado por un arquitecto italiano e unha das atraccións máis senlleiras da comarca, onde aínda quedan restos do que noutrotempo fora a torre desta fortaleza.

O alcázar perdido dos Andrade en Betanzos

Os Andrade non eran señores de Betanzos, como si o eran de Pontedeume, pero en ambos casos construíron pazo con torre. Do de Pontedeume queda a torre en pé, tras botar abaixo o pazo para abrir a estrada, a praza do Conde e o mercado de abastos. Dos de Betanzos menos se sabe, só que un dos condes de Andrade cedeu á cidade parte do solar no que se ubicaba este pazo para construír o cárcere do partido, aínda en pé e sede actual da Policía Local.

Vista parcial do Cárcere do Partido nunha imaxe de arquivo

Outras dúas torres fortificadas quedan dentro do recinto amurallado da cidade, aínda que desfiguradas: a de Lanzós, parte doutro pazo nobiliario que, por fortuna, segue en pé, e a atalaia municipal, convertida en campanario e reloxo público e salvada no último minuto da demolición.

A torre de Porcas en Guiliade

Aínda se chama o Castelo o lugar de Guiliade onde na Idade Media houbo unha torre, a de Porcas, que fora dos Andrade e botaran abaixo os irmandiños. Da casa das Mariñas pasou á de Andrade, que viu como foi derrubada polos irmandiños na Grande Guerra. Así queda constatado no preito Tabera-Fonseca, varias décadas despois da derrota da Irmandade. Sábese, por este xuízo, que era unha das torres que os Andrade tiñan “fechas de nuebo e se agrabiaban dello los vezinos de Betanços”.

Outro castelo dos Andrade en Ois

Ruínas do Castelo da Mota. Patrimonio Galego

Aínda hoxe, o topónimo A Mota acusa que no lugar, nas inmediacións da igrexa de Santiago de Ois, houbo un promontorio amurallado. Castelo ou torre, o certo é que os restos aínda son visibles e documentáronse algo mellor conservados do que actualmente se poden ver.

Desde as súas estimadas orixes arredor do século XII pouco se sabe, ata que pasa á Casa de Andrade, tal vez como parte dos coutos de Muniferral que Sancha Rodrígues aporta ao incipiente señorío na súa voda con Fernán Pérez de Andrade O Bo. Os irmandiños atacáronno e quixeron botalo abaixo en tempos de Fernán Pérez de Andrade O Mozo, e cando o seu herdeiro e primeiro conde de Andrade Pero Fernández de Andrade o quixo volver erguer sería o arcebispo Fonseca que llo botaría por terra, co apoio do mandando dos Reis Católicos Fernando de Acuña.

A torre de Bordel e o tributo das cen doncelas

En Abegondo, parroquia de Figueroa, está a torre de Bordel, que se identifica coa torre do Peito Burdelo no que, segundo a lenda, pechábanse as cen doncelas que os reinos cristiáns pagaban ao califato de Córdoba como tributo en tempos de Mauregato.

O edificio actual é un pazo do século XVII, se ben adosado a el está unha vella torre do século XII

Dous pazos construídos como castelos: Meirás e Illobre

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

O pazo de Meirás, tan de actualidade, foi mandado construíren 1893 como dúas torres medievais pola escritora Emilia Pardo Bazán sobre unha antiga casa forte que xa existía no lugar, pertencente, por herdo, á súa familia paterna, os Pardo, de fonda raigame nas Mariñas. Das vicisitudes da venda tras falecer a condesa e o seu agasallo ao dictador trae orixe un pleito aínda ben actual.

O pazo de Illobre, ou torre de Illobre, está ubicado nas inmediacións do castro homónimo, na parroquia betanceira de San Pedro das Viñas. Pertence á Fundación Condado de Taboada, creada pola anterior condesa- o actual titular é o exvicepresidente do extinto Banco Pastor- para a investigación contra o cancro.

A silueta da súa torre decimonónica almeada é visible desde a mesma praza da Constitución betanceira, mais non permite facerse unha idea do edificio en forma de L, fundado no século XVI, e que, desde as súas murallas, domina unha finca de 15 hectáreas.