Cultura da Deputación da Coruña financia a contratación de persoal técnico de xestión cultural nos concellos

Xurxo Couto (BNG) é o deputado provincial de cultura

A área de Cultura da Deputación da Coruña, que dirixe o deputado do BNG Xurxo Couto, publica as bases para a liña de subvencións destinada á contratación de persoal técnico de xestión cultural co obxectivo de contribuír á profesionalización do traballo municipal. A esta convocatoria, á que se dedica un orzamento de 770.000 €, engadirase en breve a de contratación de persoal en museos e centros de interpretación que sumarán 400.000 euros para a creación de emprego no sector.

A profesionalización das áreas de cultura municipais e a creación de emprego no sector son os obxectivos principais da liña de axudas para a contratación de persoal técnico municipal que a área de Cultura da Deputación da Coruña dota con 770.000 €. Desta maneira, a área de Cultura da Deputación da Coruña colabora cos concellos na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector afectado pola pandemia. .

A convocatoria diríxese ao mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural. “Desde a área de Cultura queremos contribuír á profesionalización das áreas de cultura dos concellos e tamén dos centros deles dependentes como museos ou centros de interpretación para promover tamén boas prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector e obrigou a mudar as dinámicas existentes na xestión municipal cultural”, sinala o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

As entidades e profesionais do sector colaboraron na elaboración das bases e na definición dos perfís profesionais ademais da procura da estabilidade laboral das persoas contratadas. As bases buscan, desta maneira, contribuír á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes e, doutra, definen requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo. Neste sentido, as modalidades establecidas son mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión cultural ou animación sociocultural. Á publicación das bases da liña de contratación para persoal municipal sumarase en breve outra dirixida a entidades locais de menos de 50.000 habitantes para a contratación de centros de interpretación e museos.