“Cinco minutos sen respirar”, de Ítaca Teatro, chega a Betanzos este domingo 6 de outubro

Este domingo 6 de outubro ás 20:00 h chega á Aula Municipal de Cultura a representación teatral “Cinco minutos sen respirar”, de Ítaca Teatro a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Betanzos. A entrada á obra de teatro é gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Esta actividade pertence ao programa “Nós contra a violencia” que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, puxo en marcha no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, con actividades que combinan a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero.

Cinco minutos sen respirar trátase dunha proposta escénica do dramaturgo Gustavo Ott que pon en escena a compañía Ítaca Teatro. Nela trátanse temas como o amor, o suicidio, a familia, a violencia e a necesidade humana de imaxinar historias para fuxir da realidade. Todo isto vaise abordando a través do diálogo de dous personaxes: Víctor, o supervisor dun supermercado, e Margarita, unha (ex)empregada de banco á que acaban de despedir e que está fuxindo dunha relación tormentosa que iremos coñecendo pouco a pouco entre decenas de citas literarias.