Case trescentas persoas participaron no concurso de promoción do sector do libro da Normalización Lingüística da Deputación

Case trescentas persoas participaron no concurso da campaña #Librosparasermoslibres, unha iniciativa da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña encamiñada a promover o sector e animar á lectura e á compra de libros despois do confinamento. Vinte delas recibirán bonos de 75€ para mercar nas librarías dos concellos da Coruña.

A campaña #Librosparasermoslibres que a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña promoveu con motivo do Día das Letras Galegas chega ao seu fin con case trescentas persoas que participaron no concurso que se desenvolveu nas redes sociais no que se convidaba a recomendar títulos para a súa lectura.

Na iniciativa, persoas coñecidas de distintos ámbitos como Oliver Laxe, Eli Ríos, Federico Pérez, Antía Ameixeiras, Carlos Blanco, María Tasende, Sole Felloza, Marilar Aleixandre, Laura Romero, Anabel Alonso, Lorena Conde, Bea Lema, An Alfaya, ou Antón Riveiro Coello participaron tamén con vídeos nos que facían recomendacións de libros nunha campaña de animación á lectura e á compra de libros que conseguiu un grande alcance de impresión e de usuarios nas redes sociais, superando só en Facebook as 123.000 persoas.

“O balance da campaña é moi positivo porque se conseguiu difundir un amplísimo número de títulos e convidar a súa compra e lectura, algo que, ao noso ver, era o obxectivo buscado para contribuír á recuperación do sector nun momento en que se reiniciaba a actividade comercial”, sinala a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

Con esta campaña intentouse tamén, segundo María Muíño, consolidar o público habitual do libro galego e chegar a novos públicos, difundindo na rede contidos pensados para distintos tramos de idade e de intereses. Este mesmo venres farase o sorteo a través dunha plataforma dixital independente polo que vinte  gañarán bonos de 75€ para mercar libros galegos nas librarías dos distintos concellos da provincia da Coruña.