Case doce mil persoas leron Xornal de Betanzos en xullo

Xornal de BetanzosO proxecto informativo de proximidade de Xornal de Betanzos afiánzase como un espazo informativo de referencia a xulgar polas estatísticas dos últimos meses. O último trimestre experimentou unha progresión no número de visitas totais en constante crecemento, pasando das 10481 visitas únicas de maio, as 12690 de xuño e contabilizndo 11 680 no mes que acaba de pechar. As visitas únicas están contabilizadas pola tecnoloxía WordPress.

A media de visitas únicas diarias foi de 377. As cifras acumuladas amosan a consolidación deste proxecto informativo como fonte dixital de información de proximidade para Betanzos e os seus contornos, cumprindo un dos obxectivos fundacionais do proxecto.

Con 759 visitas únicas contabilizadas polo motor WordPress, o programa oficial da Feira Franca e as actividades paralelas doutras entidades foi o máis visto do mes. Seguiuna, con 701, a fotodenuncia sobre a discordancia da sinalización de obra no Carregal, xa rectificada. Completa o podio, con 428 visitas únicas os roubos en coches aparcados en varias praias da comarca. A cuarta nova máis lida (381 vistas únicas) foi César Longo pretendendo baleirar de competencias o pleno padernés e quinta, pechando as mencións de honra, a retirada do photocall medieval do BNG por orde do executivo socialista, que sumou 323 visitas únicas.

Dez anos nas pantallas

Xornal de Betanzos cumpriu o pasado mes de xuño dez anos de presenza na rede. Desde aquela, atrevesou dous períodos de inactividade que se reflexan perfectamente na estatística histórica da audiencia. O cambio de dirección, a aposta por ampliar os contidos culturais e deportivos e a introdución de reportaxes sobre temas que non centran estrictamente a actualidade local ten sido ben acollida pola comunidade de lectores que da sentido día a día á existencia deste portal informativo.

O pasado ano presentamos un novo web, moito máis áxil e intuitivo que o soporte orixinal, que ten contribuído sensiblemente ao incremento do volume de visitas. O pasado mes estrenamos a sección de publicidade, que viña sendo demandada por profesionais da comarca para visibilizar os seus negocios.

Queremos agradecer o apoio dos nosos lectores e continuar informando do mellor xeito posible.