As obras premiadas co Ksado da Deputación inician no Museo do Pobo unha mostra itinerante

O deputado de cultura, o nacionalista Xurxo Couto e a de igualdade, Maria Muíño, na presentación da serie

O vindeiro día 16 de xaneiro abrirase no Museo do Pobo Galego a exposición das dúas series gañadoras e as finalistas do XIV Premio Ksado de fotografía da Deputación da Coruña. A colección “Fillos de Breogán” do lugués Alejandro Real e “Gangborder” de Javier Arcenillas, gañadores do certame, poderanse ver en Santiago até o vindeiro 18 de febreiro nunha itinerancia que visitará dez concellos da Coruña.

Santiago de Compostela, Pontedeume, Rianxo, Narón, Melide, Arteixo, Culleredo, A Laracha, San Sadurniño e A Pobra do Caramiñal son os concellos que visitará a exposición do XIV premio Ksado da Deputación da Coruña que na pasada edición gañaron os fotógrafos Alejandro Real e Javier Arcenillas.

Despois da primeira montaxe da mostra no Culturgal no primeiro fin de semana de decembro, a exposición inicia agora a itinerancia por dez concellos da Coruña en que se difundirá a obra dos fotógrafos gañadores e tamén as series seleccionadas de Juan Medina, Rosa Taboada, Carlos López García e Fuco Reyes.

“A vontade da Deputación da Coruña é contribuír á difusión das obras gañadoras dos nosos premios culturais e, neste sentido, a itinerancia da exposición do Premio Ksado permitirá que moito máis público coñeza as obras premiadas e tamén se mostren en concellos pequenos, con máis dificultade para a programación cultural de artes plásticas”, sinala o deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto.

Da colección de Alejandro Real, “Fillos de Breogán”, o xurado destacou que se trata dunha “serie moi consistente cunha forma pouco usual e moi orixinal de achegarse ao motivo fotografado”

En canto “Gangborder” de Javier Arcenillas, trátase, segundo o xurado, “dunha aposta de fotoxornalismo impecable, con moita forza e supón un relato redondo sobre un conflito case esquecido”.

Alejandro Real naceu en Lugo en 1983. Os seus comezos na fotografía datan do 2008 de forma autodidacta aínda que logo completa a súa formación como Técnico Superior de Artes Plásticas e deseño en Fotografía Artística na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo. Gañou premios como o do Maratón fotográfico do campus de Lugo, o Concurso de relato fotográfico Dra. Susana Santeiro ou o concurso Findecurta. Os seus comezos foron na fotografía dixital, mais pronto empeza a se interesar pola fotografía clásica, traballando na actualidade en grande formato analóxico.

Javier Arcenillas naceu en 1973 en Salamanca e, como fotoxornalista, desenvolve ensaios humanitarios en que os protagonistas están integrados en sociedades que limitan e agreden toda razón e dereito. Gañou importantes premios internacionais, como o Arts Press Award, Kodak Joung Photographer, Euro Press de Fujifilm, Terceiro premio FotoPres, Luís Ksado, Poyi, Eugene Smith Grant ou World Press Photo. As súas reportaxes máis completas pódense ver en publicacións coma Time, Spiegel, Stern, Lens El Periódico de Guatemala, El País, El Mundo, Sunday Times, Gatopardo ou IL Magazine. Ten catro libros publicados como “City Hope”, “Welcome”, “Sicarios” “UFOpresences”.

A mostra poderá visitarse na Casa de Cultura de Pontedeume do 19 de febreiro ao 10 de marzo.