As 20 novas máis vistas do 2020 en Xornal de Betanzos

Evolución por meses e anos do número de visitas únicas.

O ano que ven de rematar foi un ano de récords para Xornal de Betanzos. Pechamos 2020 cun total de 122.867 visitas únicas totais. Un logro ao que contribuíron as 336 visitas únicas diarias de media. Un avance considerable sobre as 104.236 visitas únicas do ano anterior, cun 17,87% de crecemento neste 2020 que ven de rematar. Decembro pechouse con 11.680 visitas únicas, un incremento con respecto ao mesmo mes do pasado ano do 158% (rexistráranse hai un ano 4527 visitas únicas no último mes do 2019). Os datos son directamente fornecidos polo motor WordPress do web e mais Google Analytics.

Segundo esta última fonte, o 48,3% dos nosos lectores son lectores recorrentes, que volven ao web, mentres que o 51,7% son novos visitantes. A súa inmensa maioría, dado que somos un medio hiperlocal, proceden do propio estado español, mais o 7,41% son lectores procedentes de EE.UU., o 0,24% proceden da Arxentina e o 0,12% do Canadá. Deles, o 91,12% accede a través do seu móbil, o 6,76% a través do seu ordenador e o 2,12% le Xornal de Betanzos na súa tableta.

Distribución das visitas únicas por meses.

Neste ano 2020 publicamos un total de 1435 noticias, entre actualidade local e comarcal, deportiva, cultural, artigos de opinión de toda aquela persoa que nolos fixo chegar e reportaxes sobre aspectos descoñecidos da nosa área de referencia, nomeadamente patrimonio material e inmaterial da comarca das Mariñas. De entre eles, destacamos agora as 20 que máis visitas únicas recolleron no contador. As que vós, lectores e lectoras, escollíchedes como novas do ano.

Luis Ángel Rodríguez é o cura de Xestoso e coordinador da UNED Senior

A máis vista, un artigo de opinión

A nova máis vista do ano, con 4347 visitas únicas, é o artigo do crego de Xestoso, Luis Ángel Rodríguez Patiño, anunciaba a posta a disposición das autoridades sanitarias as casas reitorais e demais bens das súas parroquias para facer fronte a pandemia da covid-19. Era do 1 de abril.

O churrasco e as formas de Andrés Hermida

A risco de recibir a enésima ración de descualificacións por parte de afiliados e simpatizantes do PSOE betanceiro, o edil de Urbanismo e Patrimonio foi protagonista deste ano por decisión dos lectores de Xornal de Betanzos– e por este motivo, precisamente, figuraba xa na nosa lista de 12 imaxes do pasado 2020. E non cunha nova, senón cunha boa presada delas.

A segunda nova máis vista do ano foi, precisamente, a enquisa e as opinións dos nosos lectores (2674 visitas únicas) sobre se o edil tiña que dimitir tras ser sorprendido saltándose todas as normativas de confinamento e distanciamento social a pasada primavera.

O edil Andrés Pandelo servindo os viños e Hermida, de vermello, incumprindo a obriga de confinamento domiciliario a pasada primavera. Captura de video.

Que o tema interesaba, e moito, á comunidade lectora de Xornal de Betanzos e á sociedade betanceira en xeral o demostra que varias das novas relacionadas co affaire cóanse entre as 20 novas máis vistas do 2020. E serían máis só ampliando esta lista ás 25 máis vistas. As 3 versións do suceso que deu Hermida en apenas 24 horas son a quinta nova máis vista (2251 lecturas únicas).

Que o PSOE o apartase da candidatura ao Parlamento de Galicia tras exixilo o PP é a décima nova máis vista do ano, con 1382 visitas únicas á nova. A orixinal, que desencadenou todo o serial, que fosen sorprendidos dous concelleiros do PSOE saltando o estado de alarma, é a decimoquinta nova máis vista con 950.  E dúas novas máis relacionadas co tema, que segundo os simpatizantes do PSOE non interesa, se colarían nas 25 máis lidas do ano. Algo si que interesará.

Xurxo Nieves

O pasamento do noso colaborador Xurxo Nieves foi a sexta nova máis vista do ano, con 2247 lecturas. Neste caso, nós, se nolo permiten, preferimos recomendarlles a lectura do artigo que ía inaugurar a súa colaboración periódica con Xornal de Betanzos, O paraíso da infancia.

Evolución anual no número total de visitas únicas.

As condenas ao Concello de Betanzos pola fraude na contratación de persoal laboral

Con 1407 visitas únicas, a novena noticia máis vista do ano 2020 en Xornal de Betanzos foron as condenas recaídas contra o Concello de Betanzos pola fraude na contratación de persoal laboral temporal. Algúns destes traballadores denunciaron as irregularidades do equipo de goberno socialista ao longo de varias décadas e, obviamente, obtiveron a razón nos tribunais.

A pandemia

O resto, por desgraza, é todo covid-19. As fluctuacións da situación epidemiolóxica da nosa cidade e a comarca ocupan boa parte das novas máis vistas, correspondéndose sobre todo aos meses nos que a Xunta se negaba a divulgar datos desagregados a nivel municipal. Tamén que o SERGAS seleccionase 315 persoas da comarca para o seu cuestionado estudo epidemiolóxico, con 1745 visitas. 1331 obtivo a nova de que o goberno local se negaba a publicar nas súas redes sociais a evolución da crise sanitaria no municipio (a decimoprimeira nova máis vista do ano 2020). A decimosexta máis vista do ano, con 812 visitas únicas, o positivo nun traballador no CEIP Vales Villamarín.

As restantes 20 novas máis vistas, queda dito, as subidas e baixadas da incidencia acumulada e o risco de contaxio da covid-19 en Betanzos e a súa comarca.