Alumnado do Cruz do Sar participará na terceira edición do Maratón Teatral

Os participantes na actividade extraescolar de teatro do ANPA As Mariñas do Centro Público Integrado Cruz do Sar protagonizan esta fin de semana a terceira edición do Maratón Teatral, que organiza a propia entidade escolar, o Concello de Bergondo e a Asociación Cultural Teatral Catro Gatos.

Será no auditorio da Senra e, ambos os días, desde as 11:30 horas ata as 19.00 horas. Os alumnos interpretarán as obras teatrais que prepararon ao longo de todo o curso. Os docentes implantaron un proceso colectivo de creación mediante o que todos os nenos participaron no deseño de todas as obras.

Este ano participará no maratón teatral a Escola Municipal de Teatro Abegondo, a A. C. Vagalume Animación e tamén a Asociación Cultural Catro Gatos, a primeira compañía de teatro afeccionado de Bergondo, cuxos integrantes poñerán o broche final á xornada interpretando a peza Canto te quero.