Alfredo Erias pon carátula ao novo disco de Luar na Lubre, “Vieiras e vieiros: historias de peregrinos”

Festival de Guísamo. Foto de Actualidad Bergondo

Carátula, contraportada e deseños interiores con debuxos de Alfredo Erias. É a carta de presentación de “Vieiras e vieiros: historias de peregrinos”, o novo disco de Luar na Lubre. Ás portas do Ano Santo, o grupo herculino levará ao mercado o seu novo traballo o próximo 26 de xuño, despois de permitir durante o confinamento que os adiantos ‘Benvido’ e ‘Mártiros e ou vákner’ visen a luz para alegría dos fans.

O grupo galego Luar na Lubre publicará o próximo 26 de xuño o seu novo traballo ‘Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos’, o decimonoveno álbum da banda, dedicado ás pegadas das persoas que percorren os roteiros xacobeos.

O disco explora os escritos, lendas e sonoridades que os peregrinos deixaron a través dos carreiros do Camiño de Santiago, como fío condutor dun relato que transcorre a través de diferentes épocas e voces.

Coincidindo co confinamento polo coronavirus, o grupo publicou dous adiantos: ‘Benvido’, un canto de recepción e presentación a estes peregrinos que chegan a Galicia; e ‘Mártiros e ou vákner’, relatará a lenda sobre a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro cunha besta maligna nos montes de Dumbría.

Doutra banda, o Pazo da Cultura de Pontevedra celebrará a “volta á normalidade” cun concerto, o vindeiro sábado 4 de xullo ás 20,00 horas, da man de Guadi Galego e Xabier Diaz e Adufeiras de Salitre.