Abegondo e Coirós comparten servizo de normalización grazas á Deputación

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG) na presentación das xornadas

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña recibiu un total de 33 solicitudes na liña de axudas destinada á creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística polas que se atenderá a un total de 47 concellos da provincia. Xunto coas solicitudes individuais, dez concellos optaron por compartir o servizo, como acontece con Dumbría e Muxía, Abegondo e Coirós, Fisterra e Corcubión, A Baña e Negreira, Carnota e Mazaricos ademais de Rois e Dodro.

A través da convocatoria, dirixida a concellos de máis de 5.000 habitantes ou mancomunidades, a Deputación da Coruña financia con 12.000 euros as retribucións do persoal técnico dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos.

A liña duplicou o seu orzamento nos últimos anos porque, segundo a vicepresidenta e responsábel da Área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, considera “que o papel que desenvolven os servizos de normalización é fundamental para avanzar o proceso de normalización lingüística”.

Betanzos tamén recibe fondos provinciais

Entre as funcións dos Servizos de Normalización Lingüística recóllense asesorar a administración na procura do incremento do uso e prestixio da lingua, velar polo cumprimento da lexislación, emitir informes para incorporar accións normalizadoras, fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade ou propoñer programas dinamizadores, entre outras.

A relación de concellos que recibirán axuda por esta liña son A Baña e Negreira, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo e Coirós, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carnota e Mazaricos, Carral, Culleredo, Dumbría con Muxía, Fisterra e Corcubión, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Sada, Teo, Santa Comba, Rois e Dodro, Cedeira ademais das mancomunidades de Ferrol e Ordes.

A liña súmase a outras iniciativas que teñen como obxectivo a normalización do galego desde os concellos como o programa “Lingua a escena!” da Rede Cultural da Deputación da Coruña que se convocou por vez primeira o pasado ano co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega ou o Programa de promoción do uso do galego como “O galego a miña lingua propia”.

Malas linguas: cuarta xornada

Destinado en especial para persoal técnico dos servizos de normalización lingüística, a Deputación da Coruña promoveu o programa “Malas linguas: activando falantes para o século XXI” que chega este venres 12 de abril á sede da Deputación da Coruña cunha nova xornada que se achega á relación entre lingua e xéneros.