A Suárez Picallo saca unha Areal centrada na sentenza de devolución de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

A asociación cultural Irmáns Suárez Picallo presenta hoxe ás 20.00 horas na Casa da Cultura Pintor Llórens de Sada unha edición especial da revista Areal. O volume céntrase no pazo de Meirás e a histórica sentenza de primeira instancia que ordena a súa devolución ao Estado.

O dossier, está coordinado por Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío, autores de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, a monumental investigación editada pola Fundación Galiza Sempre que serviu para estruturar o traballo da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás e mais para artellar a demanda do Estado.

Investigadores, historiadores, políticos e xornalistas participaron nesta edición de Areal, que inclúe unha entrevista a Juan Pérez Babío, neto de Josefa Portela, a muller expulsada da súa casa para ampliar o pazo, e colaboracións do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez; historiadores como Xosé Manuel Núñez Seixas, Emilio Grandío; políticos como Benito Portela, Abel López Soto, Goretti Sanmartín, Ana Miranda ou o presidente da comisión de memoria histórica, Fernando Souto.