A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantén a súa programación coa adaptación aos protocolos sanitario

Festival DesConcerto na praza. Imaxe de Galiza Nova

A Rede Cultural rexistrou até o momento tan só 11 cancelacións dos 1.307 espectáculos que forman parte da nova edición do circuíto da Deputación da Coruña, unha cifra similar á de edicións anteriores. Mantense así o nivel de programación coa adaptación ás novas circunstancias.

Os concellos están a optar por reprogramar e adaptar ás novas circunstancias a oferta prevista a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que apenas rexistra cancelacións nesta nova edición marcada pola pandemia da covid. En concreto, a día de hoxe, só once espectáculos da concesión inicial foron anulados, manténdose polo de agora os 1.297 restantes con cambios de datas e aforos limitados.

A cifra correspóndese ás producidas por edicións anteriores aínda que, neste caso, responde en varios casos a agrupacións musicais de moitas persoas e con idades avanzadas que optan por eliminar os riscos das actuacións públicas.

As actuacións estanse a celebrar maiormente ao aire libre, con aforos limitados e reserva de prazas e cumprindo todos os protocolos de seguridade para a prevención da covid ademais de implicación de persoal municipal e mesmo asociacións sociais e culturais das localidades.

“Estamos a constatar que o programa se está a desenvolver con normalidade, cumprindo as normas actuais de acorde con cada momento mais tamén con vontade de que a oferta cultural dos concellos se realice”, sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Neste sentido, indica que esta é “unha extraordinaria noticia, xa que a Rede Cultural é fundamental para a recuperación dun sector que está a padecer a pandemia de maneira especial ao se pecharen os teatros e salas durante todo o tempo de confinamento”. Para Xurxo Couto “no ámbito cultural é preciso que as dúas condicións se cumpran, o interese para que o sector poida desenvolver a súa actividade e tamén a seguridade das persoas, e iso é posíbel cumprindo as medidas, porque nin a música, nin o teatro nin o cine contaxian”.

A Deputación da Coruña modificara as bases da Rede Cultural nesta nova edición para incluír o primeiro trimestre de 2021, co fin de contribuír a paliar os efectos da pandemia no sector. A Deputación destina 1.320.567,61€ a un circuíto que ofrece nos concellos da provincia un total de 1.307 actuacións culturais ; 496 representacións teatrais, 247 concertos, 58 actuacións de maxia e 38 de danza en canto cultura ao vivo profesional ademais de 121 do programa Alicerce de cultura amadora.